O pasado luns 18 de decembro presentouse o Programa Integrado de Emprego 2023/2024 no Salón de Plenos do Concello de Dodro.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, participou no acto xunto ao resto dos representantes políticos dos concellos que integran o ámbito territorial do Programa que son Dodro, Padrón, Valga, Pontecesures e Catoira, que se incorpora este curso en substitución do Concello de Rianxo.

O Programa Integrado do Concello de Dodro, financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal cunha subvención de 220.000 €, diríxese a mellorar a empregabilidade de 100 persoas demandantes de emprego do ámbito territorial dos seis concellos.

O obxectivo é mellorar a empregabilidade a través da combinación de actuacións de información, orientación e asesoramento laboral individual; formación para o emprego; obradoiros de coaching e intelixencia emocional, de habilidades sociais, de entrevistas e mobilidade laboral; accións de intermediación con empresas; realización de prácticas non laborais, e fomento do autoemprego e o emprendemento.

O compromiso de inserción é dun mínimo do 37%, unha cifra que se superou nos últimos anos.

As accións do Programa Integrado de Emprego do Concello de Dodro deste curso desenvolveranse ata novembro do 2024. Comezarán coa orientación e co asesoramento laboral ademais de ofrecer formación en sectores diversificados de relevancia laboral na contorna. Entre as propostas inclúese servizos á comunidade, industrias alimentarias, hostalaría e turismo, fabricación mecánica, comercio e márketing, e téxtil.

As persoas beneficiarias percibirán unha bolsa de 10€ por día por asistencia ás accións que se realicen nel.

A selección das persoas para o Programa xa está en marcha.

Pódese obter máis información directamente no Departamento de Emprego do Concello de Rois.