Moi emocionada, Pilar Freire Esparís recolleu esta tarde o III Premio 8M que lle entregou o alcalde de Rois por ser un referente na defensa do papel da muller, por introducir a perspectiva de xénero nos campos da investigación e da docencia e por visibilizar nos seus traballos académicos a importancia do tempo e do traballo feminino. “Animo ás novas xeracións a preservar todo o que se leva conseguido en materia de igualdade e, ao mesmo tempo, a que sigan loitando por todo o que queda por facer”, asegurou a homenaxeada durante o acto institucional no que o Concello de Rois reivindicou o papel das mulleres do rural.

A veciñanza de Rois amosoulle esta tarde o seu agarimo a Pilar Freire nun emotivo acto no auditorio municipal. Acompañada da súa familia, a homenaxeada emocionouse cando se proxectou un vídeo sobre a súa traxectoria e ante os numerosos aplausos do público. O alcalde, Ramón Tojo, definiuna como “unha muller que se caracteriza pola súa humildade, pero que ten unha gran valía, como demostrou ao longo da súa carreira profesional. E sempre apostou polo rural, algo que todos lle agradecemos”, afirmou.

Diante do seu pai, Pilar Freire dedicoulle o premio as súas familias, “por esa axuda que sempre me brindaron”, e “dunha maneira moi especial ás súas fillas, e aos seus netos”, dos que espera sigan practicando, defendendo e loitando pola igualdade.

Doutora en Economía e profesora retirada de Historia Económica da USC, Pilar Freire centrou as súas investigacións fundamentalmente na historia da familia, a demografía histórica e os movementos migratorios, tendo sempre en conta a perspectiva de xénero. Fixo varias investigacións sobre como a demografía inflúe na actividade económica e acabou resaltando o valor do tempo do traballo feminino e da importancia da conciliación familiar para que a muller se poidan incorporar ao mercado laboral.

Natural de Brión, Pilar Freire é moi apreciada tanto en Rois, municipio no que vive, como no ámbito universitario. En 2008 publicou o libro A familia rural na Galicia contemporánea. O cambio nas relacións familiares nos concellos de Brión e Padrón (1850-1970). No ano 2012, a Universidade de Santiago outorgoulle o primeiro premio á introdución da perspectiva e xénero na investigación. En convocatorias posteriores foi premiada tamén por introducir a perspectiva de xénero na docencia.

Destacar o papel das mulleres do rural

A entrega do III Premio 8M a Pilar Freire coincidiu co acto co que o Concello de Rois conmemorou o Día Internacional da Muller. “Hoxe poñemos o foco nas mulleres do rural, nas que sosteñen a vida, a terra e a comunidade con traballos moitas veces invisibles, pero imprescindibles”, asegurou a tenente de alcalde, Mercedes Basante, durante a lectura do manifesto institucional.

Ademais de facer un chamamento á unidade, á corresponsabilidade e á acción, “porque a igualdade constrúese cada día”, Mercedes Basante resaltou que, ao longo das xeracións, as mulleres do rural “defenderon os seus dereitos, abriron camiños e demostraron que o rural é tamén un espazo de innovación, de talento e de futuro”.

Con este manifesto, o Concello de Rois reivindica “un rural no que todas as mulleres teñan oportunidades plenas para desenvolver os seus proxectos vitais, profesionais e familiares. Un rural que non limite, senón que impulse. Un rural que recoñeza o valor do coidado, da produción, da cultura e da participación social das mulleres en toda a súa diversidade”.

Premios escolares e Maruxa Mallo

Tras a lectura do manifesto e a entrega do premio a Pilar Freire, Ramón Tojo e Mercedes Basante entregaron os premios do Concurso escolar do Día da Muller.

Despois Antón Reixa presentou o documental Maruja Mallo, mitad ángel, mitad marisco, dedicado á figura da artista galega que é unha das creadoras máis singulares da xeración do 27, cuxa obra e traxectoria simbolizan a ruptura de barreiras e a reivindicación do papel das mulleres na cultura. Ao rematar a proxección o propio Antón Reixa dinamizou un coloquio con todas as persoas asistentes para facer unha reflexión colectiva arredor da igualdade, a cultura e a memoria da mulleres.