A concelleira Victoria Quiroga presenta a programación de Outono Cultural

O programa Outono Cultural toma o relevo de Outubro, mes dos libros dándolle continuidade ás actividades de carácter cultural nas fins de semana de novembro e decembro. A concelleira Victoria Quiroga presentou hoxe, mércores 30 de outubro, unha programación que se centrará nas obras de teatro para persoas adultas e nos espectáculos para público familiar e que, como vén sendo habitual, poderase desfrutar totalmente de balde.

O programa de Outono Cultural iniciarase o venres 8 de novembro con Cantaxoga, unha proposta de teatro e música para público familiar no que María Campos e Carlos Yuns interpretan cancións dos discos Canta connosco! e Pan de millo percorrendo diversos estilos musicais. A cita está fixada para as seis da tarde.

O día seguinte, sábado 9 de novembro, Teatro Calavera fará parada no auditorio coa representación de Jánsel e Ponsel, obra que ao xeito dun documental intentará dar resposta ás grandes preguntas do universo -quen somos?, de onde vimos?, cara onde imos?- en clave de humor. Este repaso pola evolución dará comezo ás oito da tarde.

Os sábados ás 20.00 horas serán días de teatro en Rois. Despois de Teatro Calavera, o día 16 chegará a Rois a compañía Producións Malasombra para representar Testosterona. Dirixida por Xoque Carbajal, trátase dunha comedia interpretada polos coñecidos actores Camila Bossa e Luis Iglesia que aborda a desigualdade no ámbito laboral cando o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dun dos subdirectores, que son un home e unha muller. A quen escollerá e por que?

A proposta do sábado 23 correrá a cargo doutra das grandes compañías galegas, Talía Teatro, que presentará no auditorio a obra DeseXo. Con ela, e fixándose principalmente en como nos inflúe a pornografía, convidaranos a reflexionar dende o humor sobre un mundo dominado polas redes sociais e que vai cada vez máis rápido.

As vellas non deben namorarse, de Teatro Airiños, será a función que poidamos ver o sábado 30 de novembro. É unha versión do clásico de Castelao, chea de música e humor, no que os vellos pasan a ser vellas e se viven amores propios do século XXI.

O Grupo Municipal de Teatro de Ribeira pechará a programación do Outono Cultural para persoas adultas o sábado 14 de decembro. Farao coa obra Criaturas, montaxe que recompila escenas da nenez e que mostra a distancia que separa esta etapa da madurez; en suma, unha proposta complexa e ácida que non deixa a ningúen indiferente.

Tal e como comezou, Outono Cultural rematará cun espectáculo para público familiar. Caperuchiña Vermella, de Educa Teatro, poñeralle o punto final o venres 20 de decembro ás seis da tarde cunha proposta para que a cativada de 2 anos en adiante entre nun bosque cheo de sorpresas ata chegar á casa da avoa. Ao remate da función, tamén se poderán facer fotos cos personaxes protagonistas.

Cartel de Outono Cultural 2024