O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Toimil, inauguran o campo de voluntariado do Castro Lupario

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, acompañou esta mañá á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, na apertura do campo de voluntariado de Castro Lupario, no que traballarán once mozas e mozos de entre 18 e 30 anos ata o vindeiro 21 de agosto. Supervisados por unha directora de campo, dous arqueólogos e dous monitores, as principais tarefas que desenvolverán os voluntarios neste castro no que a lenda sitúa o castelo da raíña Lupa serán de estudo de restos e de limpeza na parte exterior da muralla, sobre todo na zona sur, coa idea de identificar cal era a forma que tiña.

“A mocidade é o futuro e nós estamos moi contentos e agradecémoslles de corazón a estas rapazas e rapaces que queiran vir a Rois para que poidamos poñer en valor este castro, ademais de recuperar restos e evitar que se expolien. É tamén unha forma de facer que os peregrinos e os visitantes queiran coñecelo e paren aquí”, subliñou o rexidor roisense.

Ramón Tojo lembrou que este proxecto quedou paralizado pola covid o ano pasado e gabou a experiencia dos campamentos internacionais que tiveron lugar en edicións anteriores no castro de Socastro “xa non só polo seu interese patrimonial, senón tamén polo humano”. “Hai un rapaz francés que nos escribe todos os anos e nunca esquecerei un mozo ruso ao que levamos por primeira vez a ver o mar. Estes intercambios tamén serven para coñecer outras latitudes e circunstancias”, argumentou.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, conversa coas rapazas e rapaces que participan no campo de voluntariado de Castro Lupario
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, conversa coas mozas e mozos que participan no campo de voluntariado de Castro Lupario

Na visita desta mañá ao campamento do Castro Lupario, Cristina Pichel e Ramón Tojo estiveron acompañados polos concelleiros Manuel dos Santos e Manuel Cobas, ademais de por un grupo de veciños de Angueira de Castro que non quixeron deixar pasar a oportunidade de ofrecerse a colaborar cos voluntarios e voluntarias en todo aquilo que poidan precisar durante a súa estancia en Rois.

Amplo abano de actividades

A presenza dunha moza de Sevilla entre unha gran maioría de integrantes galegos marca  neste campo de Castro Lupario a volta dos intercambios nacionais, logo dos peches perimetrais entre comunidades do ano pasado. Nos dez días que dura o campamento, os participantes terán a oportunidade de coñecer o municipio e a súa contorna cun amplo abano de actividades complementarias que os levarán a Santiago, á casa museo de Rosalía ou á Fundación Camilo José Cela, ademais de participar en obradoiros e actividades lúdicas. Dentro do Concello, farán rutas de sendeirismo e visitarán a praia fluvial de Seira ou o pazo do Faramello.

Como primeira misión, voluntarias e voluntarios tiveron hoxe que intentar identificar os restos dunha igrexa dentro do perímetro do castro. Era a de San Antonio, localizada na carballeira e que estivo en pé alomenos ata o século XVII. Dende cando é unha das moitas incógnitas que aínda quedan por resolver sobre o Castro Lupario. O que si sabemos, segundo contou o arqueólogo David Fernández Abella, é que ten alomenos 2000 anos e estaba habitado nos comezos do cristianismo.