Oito mozos e mozas de Rois de entre 18 e 30 anos rematan este sábado en Venecia a súa participación nun intercambio internacional no que tamén participaron grupos de Italia, Georgia, Portugal e España. Acompañados polos concelleiros Antonio Esparís e José Luis Ares, a delegación roisense participou en actividades culturais e de ocio.
Dende a pasada semana, a mocidade roisense puido compartir experiencias co alumnado da escola técnica profesional IIS Vendramin Corner, de Venecia, cun grupo da Laracha e outros de Georgia e Portugal.
O pasado luns visitaron as illas de Murano e Burano. En Murano, famosa pola súa artesanía do vidro, puideron descubrir o proceso de creación das coñecidas lámpadas, vasos, copas e adornos que fan desta illa un lugar único no mundo.
O martes as persoas participantes neste intercambio visitaron o Museo Correr e a Galleria dell’Accademia; o mércores desprazáronse a Lido para pasar un día de praia co resto de participantes nesta iniciativa, e o xoves puideron coñecer o Museo da Historia Nacional e o Palazzo Ducale de Venecia.
Antonio Esparís destacou que con estes intercambios o Concello de Rois “quérelle ofrecer a mocidade e a xente nova do municipio a oportunidade de coñecer outras culturas e fomentar lazos de cooperación con outros países para construír unha Unión Europea máis forte e unida, ademais de facilitarlle ferramentas que lles axuden no seu desenvolvemento persoal e profesional”, conclúe.
O concelleiro lembra que con este intercambio, e cos que leva promovendo o Concello coa Escola de Música en diferentes países, “Rois quere ser parte activa na construción dunha Unión Europa máis unida e na que toda a cidadanía e todos os pobos se sintan partícipes para lograr un futuro mellor e máis solidario”.