están abertas as inscricións para participar na segunda edición do Trail e Andaina Montes de Rois, proba organizada polo Concello de Rois que se desenvolverá o domingo 12 de xaneiro con saída e chegada no polideportivo municipal. As inscricións poderán realizarse ata o 7 de xaneiro na páxina www.emesports.es ou premendo nesta ligazón.
Tralo éxito da primeira edición, na que participaron máis de 300 atletas, o Concello de Rois repite trail e andaina nada máis pasar as datas de Nadal. O trail, de natureza competitiva, consta dun total de 16,7 quilómetros cun desnivel positivo de 780D+. A participación está limitadas a persoas maiores de idades e a inscrición ten un custo de dezaoito (18) euros.
Cualificado de dificultade media, o trail percorrerá diversos paraxes de Rois e pasará pola Pontenova, Cornes, O Aido, montes das comunidades de Cornes, Sorribas, Reibó e Vilar de Abade, O Aido, Cornes e A Pontenova antes de regresar ao polideportivo de Rois. Haberá dous puntos de avituallamento nos quilómetros 6 (Reibó) e 12 (cruce de Catro Camiños), ademais de na chegada.
A proba contará cun total de seis categorías: xeral, absoluta (ata 39 anos cumpridos o día da proba), veterá A (de 40 a 49 anos), veterán B (máis de 50 anos), por equipos e local. Levarán premios os primeiros tres clasificados en xeral, absoluta e veterá, tanto en homes como en mulleres, así como os tres mellores equipos e o home e a muller empadroados en Rois que atravesen a meta en primeiro lugar.
Os premios do gañador e da gañadora da categoría xeral serán unhas tallas de madeira realizadas polo artista roisense Camilo Seira. O resto dos trofeos serán elaborados de xeito artesanal por integrantes da asociación Amipa, que acompaña persoas con discapacidade intelectual.
A andaina, pola súa parte, cubrirá un itinerario de 12,6 quilómetros e nela poderá participar calquera persoa que o desexe. Os menores de idade, que teñen inscrición gratuíta, deberán ir acompañados dunha persoa adulta responsable. Os participantes adultos pagarán 12 euros por anotarse.
Na andaina haberá tamén dous puntos de avituallamento nos quilómetros 6 (Reibó) e 8,4 (cruce de Catro Camiños), así como ao final da proba no polideportivo.
Tanto para o trail como para andaina, a recollida de dorsais efectuarase entre as 8.30 e as 9.30 horas no polideportivo de Rois. Os participantes do trail tomarán a saída neste punto ás 10.00 da mañá e os da andaina farano cinco minutos despois, ás 10.05 horas.
Todas as persoas inscritas recibirán de agasallo unha camiseta co seu dorsal. Así mesmo, poderán desfrutar duns petiscos ao rematar a proba. Aquelas persoas que se inscriban antes do domingo 22 de decembro poderán elixir a talla da camiseta.
O Concello de Rois quere agradecer á Deputación da Coruña, Abanca, Gadis, Agronovo Rois, Casa Benjamín, Agroesparís, Panificadora San José e Alimentación Marga a súa colaboración á hora de organizar este II Trail e Andaina Montes de Rois.