O alcalde de Rois, Ramón Tojo, asistiu este venres ao acto de clausura do Programa Integrado de Emprego Dodro 2025-26, unha iniciativa xestionada polo Concello de Dodro na que tamén participan os municipios de Rois, Padrón, Pontecesures, Catoira e Valga. Un cento de persoas desempregadas destes seis concellos estivéronse formando durante nove meses e, ao remate do PIE, o 38 % delas estaban xa traballando.
Ramón Tojo puxo en valor o esforzo realizado polo conxunto do alumnado e felicitou especialmente as 38 persoas que xa atoparon emprego, celebrando que, “un ano máis, superamos o obxectivo establecido pola Xunta de Galicia”.
O alcalde de Rois destacou a importancia da cooperación entre as diferentes administracións para sacar adiante esta iniciativa. “Sempre digo que, cando sumamos esforzos, chegamos máis lonxe, e este Programa Integrado de Emprego é unha demostración moi clara diso”, afirmou.
Nesta liña, Tojo subliñou que “aquí estamos seis concellos, con realidades diferentes e tamén con gobernos de diferente signo, que fomos capaces de poñernos de acordo arredor
dun obxectivo común: ofrecerlles máis oportunidades ás nosas veciñas e veciños”.
O rexedor agradeceu o traballo do equipo técnico e docente, a implicación das empresas colaboradoras e o financiamento da Xunta de Galicia, que permite desenvolver o programa.
Precisamente no acto interveu o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, que lembrou que a Xunta financia esta iniciativa cunha achega de 220.000 euros e tamén puxo en valor a colaboración entre administracións para facelo posible.
Así, Couce celebrou que, xunto ao apoio económico da Administración galega, seis concellos de dúas provincias diferentes e con gobernos de distinta cor política fosen capaces de unir esforzos arredor dun obxectivo común: “mellorar a empregabilidade das persoas da comarca”.
De cara á edición 2026-2027, o director territorial amosou o seu desexo de que o programa teña continuidade, e avanzou que xa se prevén achegas de 230.000 euros. Couce confiou en que a iniciativa volva saír adiante e poida repetir os bos resultados acadados nesta ocasión.
Ao remate do PIE 2025-26, 38 das 100 persoas que se formaron conseguiron un contrato, superando deste xeito o 37 % de inserción laboral que esixía a Xunta de Galicia.
Contacto directo co tecido empresarial
Antes da clausura oficial, as persoas participantes asistiron a unha xornada na que representantes de cinco empresas da comarca lles explicaron os perfís profesionais que están a demandar actualmente, ademais de ofrecerlles orientacións para presentar os seus currículos e recomendacións para afrontar con maiores garantías os procesos de selección.
Na sesión participaron representantes de Ana Muñiz, STAC, Cortizo, Finsa e Fesba, achegando ao alumnado unha visión directa das necesidades actuais do tecido empresarial e das competencias que máis se valoran á hora de contratar persoal.
Nove meses de formación e orientación laboral
Ao longo dos nove meses de duración, o Programa Integrado de Emprego Dodro 2025-2026 ofreceu ás cen persoas participantes información e asesoramento laboral personalizado, ademais de formación vinculada a sectores como a industria alimentaria; fabricación mecánica; téxtil, confección e pel; administración e xestión; comercio e loxística; hostalería e turismo; servizos á comunidade e sociosanitarios, e imaxe e son.
A iniciativa completouse con obradoiros de coaching e intelixencia emocional, desenvolvemento de habilidades sociais, preparación de entrevistas de traballo e prácticas non laborais, así como con accións para fomentar o autoemprego e reforzar a colaboración con empresas da zona.


















