O alcalde do Concello de Rois, Ramón Tojo, emite un bando no que informa sobre as normas que se establecen para celebrar as cacharelas do San Xoán o domingo 23 de xuño pola noite.

As persoas que desexen realizar unha cacharela deberán presentar a solicitude correspondente no Concello de Rois antes das 14.00 horas do xoves día 20 onde deberá figurar, ademais dos datos da persoa responsable, indicacións claras do lugar de celebración, do tipo de cacharela (fogueira, sardiñada etc.) e das características do terreo onde se pretende realizar (terra, asfalto, formigón, beirarrúa etc.). Podes descargar o formulario no documento adxunto ou recollelo no propio Concello.

O Concello recorda tamén no bando que a cacharela deberá permanecer sempre vixiada e a organización deberá ter á man mangueiras de auga ou calquera outro medio adecuado para a extinción do lume.

A faixa perimetral ao lume ha de estar despexada de elementos que poidan facilitar a súa propagación e tampouco se poderán acender as fogueiras a menos de 15 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo, nin a menos de 50 metros das árbores.

O alto da cacharela non poderá ser superior aos 3 metros de altura e deberá estar vixiada ata que o lume estea totalmente apagado e transcorran dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.

Prohibicións

O bando emitido polo Concello de Rois detalle que está prohibida a queima de todo tipo de residuos en cuxa composición interveña o plástico, colchóns, rodas, aerosois, produtos inflamables ou explosivos debido aos gases tóxicos que produce a súa queima.

Só se permitirá facer a cacharela sobre pavimentos en zonas urbanas (asfaltado, empedrado etc.) se están colocadas sobre unha chapa metálica protectora ou sobre unha capa de area de polo menos 10 centímetros.

No se poderán facer fogueiras na praia fluvial nin nos espazos naturais protexidos e, ademais, será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado, así como dos elementos utilizados, nun prazo máximo de 12 horas despois de rematada.