O Pleno da corporación de Rois rexeitou esta mañá as dúas mocións presentadas polo grupo socialistas solicitando a revisión integral ou un novo levantamento catastral e unha revisión integral do PXOM. O equipo de goberno votou en contra na primeira alegando que a oficina de información catastral que puxo en marcha o Concello estalles solucionando problemas á veciñanza e, respecto do PXOM, dixo que unha revisión significaría paralizar a construción en Rois durante varios anos.

Os socialistas, que contaron co apoio do BNG, indicaron que o levantamento catastral de 2002 contén numerosos erros que lles están xerando problemas á veciñanza.

O alcalde replicou que hai pouco que se fixo unha revisión catastral, “na que o Concello creou unha oficina para informar á veciñanza e axudarlles a resolver os problemas, ao contrario do que ocorreu na época do bipartito”, motivo polo que non considerou necesario solicitar un novo levantamento catastral.

Na votación, a moción do PSdeG contou con 4 votos a favor, e 5 en contra do equipo de goberno.

Respecto a revisión do PXOM, que segundo os socialistas debería adaptarse a Lei 2/2016 e facilitar a construción de vivendas, o alcalde replicou que xa se están a facer modificacións puntuais naquelas zonas que o requiren. “Unha revisión do PXOM implicaría unha normativa moito máis estrita en Rois, e obrigaríanos a paralizar licencias durante varios anos”, afirmou o alcalde.

Na votación, a proposta contou con 4 votos a favor (PSdeG e BNG) e 5 en contra do Partido Popular.

Todos os concelleiros acordaron ao inicio da sesión destinar as dietas deste pleno a colaborar coa familia Infesta que perdeu a casa esta fin de semana nun incendio.