A Corporación de Rois aprobou no Pleno o sistema de organización do Concello para a presente lexislatura que contempla, entre outros puntos, manter a dedicación exclusiva do alcalde e crear tres parciais para membros do equipo de goberno, e crea as concellerías de Desenvolvemento Rural e a de Agricultura e Gandería. As sesións plenarias manteranse bimensuais, pero celebraranse os primeiros venres dos meses impares ás 17.00 horas. Quedou establecida tamén a nova distribución de concellarías e a composición da Xunta Local de Goberno.

Os tres grupos políticos representados na Corporación (PP, PSdeG e BNG) terán unha asignación anual fixa de 300 euros cada un, e outros 200 euros por cada concelleiro que forme parte do mesmo, incrementándose deste xeito os importes establecidos na pasada lexislatura. As asignacións por asistencias ao Pleno, Xunta de Goberno Local e Comisión Especial de Contas quedaron establecidas en 150 euros para os concelleiros e concelleiras que non teñan dedicación. Nestes dous puntos abstivéronse os socialistas, votou en contra o BNG e foron aprobados con votos do PP.

A creación da Xunta de Goberno Local estará formada polo alcalde, Mercedes Basante (primeira teniente de alcalde), Manuel Cobas (segundo teniente de alcalde) e José Manuel López Bargo (terceiro tenente de alcalde), e celebrará sesións cada quince días.

Concellerías

A distribución de concellerías e delegacións feitas polo alcalde nos membros do equipo de goberno quedou fixada do seguinte xeito.

Ramón Tojo Lens: Alcalde. Obras e Urbanismo.

Mercedes Basante Ares: Asuntos Sociais e Emprego.

José Luis Ares Martínez: Xuventude, Deportes e Asociacións.

Victoria Quiroga Ramallo: Cultura, Educación e Lingua.

Manuel Cobas Rey: Medio Ambiente.

Iván Fernández Filgueira: Desenvolvemento Rural.

José Manuel López Bargo: Agricultura e Gandería

Antonio Esparís Lois: Portavoz do Goberno municipal

O equipo de goberno contará nesta lexislatura con catro dedicacións. O alcalde mantén unha dedicación exclusiva cunha retribución bruta anual de 40.183,78 euros, mentres que as outras tres serán parciais. O concelleiro de Desenvolvemento Rural terá unha dedicación do 50% da xornada laboral, cunhas retribucións brutas anuais de 18.039,84 euros. As outras dúas serán dun 25% da xornada laboral para a concelleira de Cultura, Educación e Lingua e para o edil e Xuventude, Deportes e Asociacións, polas que percibirán 9.926,56 euros brutos anuais.

O alcalde explicou no pleno que as retribucións que percibirá o equipo de goberno polas dedicacións son lixeiramente inferiores as que viña percibindo na anterior lexislatura. A proposta foi aprobada cos votos a favor do PP (8), a abstención do PSdeG (2) e o voto en contra do BNG (1).

Na sesión tamén se aprobaron as designacións dos representantes do Concello nos órganos colexiados. José Manuel López será o representante no CEIP do Pumar-Urdilde, e Victoria Quiroga no Consello Escolar do CPPI Os Dices e na Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Mercedes Basante estará no consello escolar da Escola Infantil A Galiña Azul e no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O alcalde, Ramón Tojo, será o representante na Asociación de desenvolvemento local Deloa. Neste punto abstíveronse os tres edís da oposición.