O Concello de Rois aprobou hoxe inicialmente o regulamento orgánico municipal que vai fixar o sistema de funcionamento dos plenos da corporación cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e en contra da oposición (PSdeG e BNG), que xa anunciou que presentará alegacións e suxestións durante o período de exposición pública, que comezará proximamente. (Vídeo íntegro da sesión neste enlace)

Por unanimidade dos tres grupos políticos acordouse iniciar o expediente de desafectación dun camiño en Liñares e ratificar a solicitude dunha subvención conxunta cos concellos de Dodro e Padrón para o obradoiro de emprego de garantía xuvenil Xuventude en Acción 2019.

A data de 1 de xaneiro de 2019, Rois contaba con 4.512 veciños, segundo os datos que se aprobaron na sesión plenaria de hoxe, a primeira que se grava integramente no concello.

Cos votos a favor de PP e PSdeG aprobáronse os estatutos e a adhesión do Concello de Rois á Asociación de Concellos da Ría Muros e Noia, que ten como obxectivo conseguir que este itinerario sexa recoñecido oficialmente como Camiño de Santiago. O representante de Rois será o primeiro tenente de alcalde, Manuel dos Santos. Neste punto o BNG abstívose ao non ser admitida a solicitude de que representantes doutros partidos políticos puidesen formar parte da representación de Rois nesta asociación.

A moción do PSdeG solicitando a bonificación do 90% ou 95% dos IBI de explotacións agrogandeiras, que contou co apoio do BNG, foi rexeitado polo equipo de goberno alegando que dende o Concello se aposta por investir na mellora de infraestruturas e accesos aos diferentes núcleos de poboación, facilitando deste xeito que as explotacións poidan beneficiarse de mellores accesos para seguir medrando. Un aspecto que o alcalde considerou “máis importante que unha rebaixa fiscal” que ía ser pouco importe.

O equipo de goberno xustificou que Rois xa se adheriu ao acordo da Federagación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para promover o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero para rexeitar a moción presentada polos socialistas que pedían que o Concello se una á campaña concellos en negro contra a violencia machista. Dende o BNG apoiaron a moción e, aínda considerando que hai axudas faltan campañas de sensibilización, aspecto que rexeitaron as concelleiras do equipo de goberno.

Co apoio do goberno local e do PSdeG, e a abstención do BNG, aprobouse a declaracións institucional presentada polo PP de apoio e recoñecemento da labor que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Cataluña.