Xurxo Neo, segundo no podio da primeira proba do Campionato Europeo Youth desputada en Pobladura de las Regueras

O piloto de Urdilde Xurxo Neo comezou esta fin de semana a súa andaina no Campionato Europeo de Trial da categoría Youth acadando un extraordinario segundo posto na proba desputada en Pobladura de las Regueras (León). Xurxo compite neste campionato, para mozos de entre 12 e 16 anos, cunha moto de 125 cc. Completaron o podio o británico George Hemingway, primeiro, e o noruegués Jonas Jorgensen, terceiro.

Abril será un mes moi intenso para o novo piloto roisense. Esta mesma semana desprazarase a Francia para desputar a segunda proba do europeo, que se desenvolverá o sábado que vén, 16 de abril, na localidade de Breal-Sous-Monfort.

Deseguido, na fin de semana do 23 e 24 de abril, comezará o Campionato de España con dúas carreiras en Arteixo. Nelas, Xurxo estrearase na categoría júnior cunha moto de 300 cc. As súas previsións apuntan a que esta sexa unha temporada de adaptación.

O piloto de Urdilde, cunha moto Gas Gas, fíxose a temporada pasada co subcampionato de España en cadetes 125 cc. logo de proclamarse campión nacional en xuvenís B e A nos dous anos anteriores.