CacharelaAs cacharelas de San Xoán son unha tradición en Rois e na maior parte do resto de municipios de Galicia. Para manter viva esta tradición e previr calquera tipo de incidencia e garantir unhas condicións de limpeza e hixiene axeitada dos espazos públicos, o Concello de Rois ven de facer público un bando no que se fixan as condicións necesarias e os requisitos para que todos os veciños, asociacións e colectivos interesados poidan solicitar o permiso para facer a cacharela de San Xoán.

O bando, que se pode consultar no documento adxunto, concede de prazo para presentar a solicitude de permiso para facer as fogueiras de San Xoán ata o xoves, 20 de xuño, ás 14.00 horas.

A solicitude debe presentarse no rexistro do Concello. A instancia pódese descargar no documento adxunto, cubrila por ordenador e imprimila, ou imprimila a escribir os datos a man.

Entre as principais medidas recomendadas no bando para evitar calquera tipo de incidencia figuran as seguintes:

  • Haberá sempre xente ao carón do lume, que se fará pola noite.
  • As persoas responsables da organización deberán ter á man mangueiras de auga ou calquera outro medio adecuado para a extinción do lume
  • A faixa perimetral ao lume ha de estar despexada de elementos que poidan facilitar a súa propagación. Non se poderán acender as fogueiras a menos de 15 metros de calquera edificación, tendido eléctrico, instalación de calquera tipo ou vehículo, nin a menos de 50 metros das árbores.
  • A morea de materiais que formen a cacharela non poderá exceder os 3 metros de altura.
  • Non se abandonará a vixilancia da fogueira ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.