O tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, presidiu hoxe, xunto á xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontela, o acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro Xuventude en Acción 2021, promovido polos concellos de Rois, Padrón e Dodro e que contou cun financiamento de 350.000 € da Xunta. O obradoiro formou a un total de quince mozos e mozas pertencentes aos tres concellos da comarca do Sar na confección e deseño de páxinas web.

O acto de clausura tamén contou coa presencia do alcalde en funcións de Padrón, José Ramón Pardo; do alcalde de Dodro, Xavier Castro e do edil de Emprego de Dodro, Abel Tarrío.

Judit Fontela destacou a colaboración e a implicación dos concellos para con esta formación, destacando que “este é un excelente exemplo de colaboración entre as administracións”. Ademais, a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade subliñou o esforzo do alumnado e felicitounos polo aproveitamento da formación que “é un trampolín non só para seguir formándovos senón tamén como saída laboral, xa que a confección de páxinas web é unha especialidade con moita demanda”.

Judit Fontela tamén aproveitou o acto para anunciar que os tres concellos terán un novo obradoiro de emprego destas características o ano que ven, e cun maior investimento, que cifrou en 500.000 euros, aínda que subliñou que “probablemente non será de confección de páxinas web” .

Pola súa banda, o tenente de alcalde de Rois, trasladou os parabéns do concello ao alumnado e subliñou que o deseño de páxinas web “é unha ferramenta, que nos tempos que estamos, é moi importante para calquera empresa ou persoa que desexe darse a coñecerse a través de internet”. Dos Santos tamén destacou a importancia de “traballar unidos para acadar mellores metas e lograr máis recursos para beneficiar á nosa veciñanza”.

O alcalde en funcións de Padrón, José Ramón Pardo, dixo que coa formación recibida no obradoiro as persoas participantes “están preparadas para buscar unha saída profesional” e agradeceu ao Concello de Rois por albergar á formación e a Xunta por “seguir formando á nosa xuventude para poder traballar”.

Mentres que o alcalde de Dodro, Xavier Castro, agradeceu o esforzos dos mozos e das mozas participantes. “Esta formación é o primeiro paso para entrar no mercado laboral”, dixo.

O obradoiro Xuventude Acción 2021 formou ao longo dun ano, a un total de quince mozas e mozas de Rois, Padrón e Dodro. Durante esta formación, aprenderon a confeccionar páxinas web, a traballar as linguaxes propias de programación e o xestor de contidos que logo aplicarían á creación de dúas propostas web relacionadas cos montes en man común dos concellos de Terras de Iria e patrimonio.

Deste xeito, a través do GIS (Sistema de Información Xeográfica) recolleron información para realizar un inventario do uso do solo, do patrimonio vinculado ao catálogo de paisaxes de Galicia pertencentes ás comunidades de montes en man común de Rois, Padrón e Dodro, cada un co seu mapa correspondente.

O traballo feito polo alumnado do obradoiro Xuventude en Acción 2021 ven a dar continuidade ao dos anteriores obradoiros vinculados co turismo verde e coas rutas do Camiño de Santiago.

Unha vez que estea activo o contido na web, que será en breve, e segundo explicaron dende o obradoiro de emprego, darase a opción ao usuario para acceder ao traballo deste obradoiro e ás propostas anteriores.

O obradoiro Xuventude en Acción 2021 finalizará este xoves, día no que o alumnado recibirá o seu certificado de profesionalidade.

Actualización (11/08/2022): O traballo realizado xa pode consultarse na páxina web www.terrasdeiria.com.