Os alcaldes de Rois, Ramón Tojo; Padrón, Anxo Arca; e Dodro, Xabier Castro; o director territorial de Emprego, Juan José Couce; e alumnado e equipo docente e adminsitrativo participan na presentación dun novo obradoiro de garantía xuvenil Terras de Iria

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, presentou esta mañá unha nova edición do obradoiro de garantía xuvenil Terras de Iria, que, financiado con 411.000 euros pola Xunta de Galicia, lle dará a oportunidade de formarse en maquetación de elementos gráficos en impresión a un total de quince persoas mozas dos municipios de Rois, Padrón e Dodro.

No acto, celebrado no Auditorio de Rois, participaron tamén os alcaldes de Padrón, Anxo Arca, e de Dodro, Xabier Castro, así como o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, e o alumnado e o equipo docente do obradoiro.

O obradoiro Terras de Iria 2024 é o sexto que se desenvolve en Rois dirixido a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos. Ramón Tojo destacou que esta continuidade  demostra a decidida aposta polo emprego dos tes concellos do Sar, que malia ter gobernos de distinto sino político se unen para impulsar conxuntamente iniciativas en beneficio da veciñanza.  

Explicou o alcalde que o programa de emprego Terras de Iria é un programa mixto de formación dirixido a mellorar a ocupabilidade de persoas mozas desempregadas, que son contratadas baixo a modalidade de contrato para a formación en alternancia. Este modelo de alumnado-traballador, incidiu Tojo, permítelles aos participantes dedicarse en exclusiva á aprendizaxe durante os doce meses de duración do obradoiro.

Tamén interveu no acto o alcalde de Padrón, Anxo Arca, que subliñou a pertinencia da formación que se vai desenvolver nun mundo cada vez máis dixital e dominado pola imaxe. Nesta liña, animou os participantes a aproveitar este obradoiro recordándolles que pode ser a chave que lles abra outras oportunidades.

Pero máis alá de ofrecer saídas laborais o alumnado, o obradoiro ten unha vertente social ao desenvolver accións beneficiosas para a comunidade, tal e como lembrou o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce. En concreto, mozas e mozos dedicaranse no próximo ano a realizar catálogos de imaxes e fotoimaxes, infografías e maquetación editorial que sexa de interese para a veciñanza de Rois, Padrón e Dodro. Asimesmo, traballarán na imaxe corporativa e deseñarán material promocional dos tres concellos participantes.

Estas accións súmanse ás desenvolvidas polo alumnado do obradoiro Terras de Iria 2023, clausurado hai tan só uns días, e que aplicou a formación en confección e maquetación de páxinas web para seguir desenvolvendo á páxina Terras de Iria.

Por outro lado, nestes momentos está aberto tamén o prazo de selección do alumnado e do equipo docente do obradoiro dual de emprego Comarca do Sar, promovido polo Concello de Padrón en convenio cos de Rois e de Dodro.