O Concello de Rois pon desde hoxe a disposición da veciñanza e do público en xeral unha serie de actividades físicas para todas as idades, elaboradas polos monitores e monitoras municipais das diferentes disciplinas deportivas. Con esta achega, o consistorio quere contribuír a que as persoas que sofren o confinamento por mor da pandemia de Covid-19 poidan manter a súa forma física e ocupen o tempo de forma creativa e positiva.

Trátase de táboas de exercicios de disciplinas como pilates, zumba, ioga e ximnasia para maiores de 55, que se irán publicando na páxina de Facebook do Concello periodicamente. O técnico municipal de deportes, Roberto Carlos Agrelo, recorda que nas circunstancias actuais “hai que darlle moita importancia ao exercicio, tanto a nivel físico como mental”.

O Concello quere agradecer ao equipo de deportes a súa disposición para crear esta utilidade, e anima á veciñanza a sumarse á realización destes sinxelos exercicios que mellorarán a súa calidade de vida nuns días complicados.

Vídeos: