O mércores 24 de xaneiro o Concello de Rois abre o prazo para que as familias poidan apuntar os escolares no campamento de conciliación Mañás entroideiras que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 de febreiro coincidindo coas vacacións de Entroido.
Mañás entroideras está dirixido a toda a cativada que curse dende 4º de educación infantil e desenvolverase en Rois e en Urdilde con horario de 9.30 a 14.30 horas. Este horario poderase ampliar co servizo de amencer entre as 7.30 e as 9.30 horas.
O prezo será de 5 euros, que ascenderán a 10 no caso de solicitar servizo de amencer. A estes prezos aplicaráselles unha bonificación do 5% no caso de familias numerosas, monoparentais e de menores con discapacidade recoñecida. Tamén poderán beneficiarse deste desconto as familias con varios fillos/as a partir do segundo.
Para facer a inscrición, as persoas interesadas deberán cubrir en liña o formulario que se atopa na páxina web do Concello de Rois neste enlace a partir do mércores 24 de xaneiro e antes do 7 de febreiro, data na que remata o período para anotarse.
Pódese solicitar máis información chamando ao teléfono do multiúsos 981 816 061 ou enviando un correo electrónico ao enderezo inscricions@rois.gal.