Ana Chouza aborda o tema do medio a saír da casa, coñecido como ‘Síndrome da Cabana’, na presentación da sétima ficha do taller de memoria que está a desenvolver en liña para a veciñanza de Rois. A profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois explica as características desta síndrome e dá algunhas claves de como afrontala, entre as que destaca a importancia de “escoitarnos e atender as nosas necesidades”. 

A proposta desta semana inclúe exercicios con números, cores, series, oracións a completar, cálculo monetario ou axilidade visual, entre outros.

 

MEDO A SAÍR DA CASA OU ‘SÍNDROME DA CABANA’

Como xa temos comentado noutras ocasións, a volta a esta nova normalidade non é xestionada emocionalmente do mesmo xeito por todas as persoas. Vemos que hai persoas que teñen medo a saír á rúa, este coñécese co nome de “Síndrome da Cabana”, onde a cabana vén sendo a nosa casa ou fogar. Prodúcese cando a persoa experimenta medo a saír á rúa. Medo a contactar con outras persoas, temor a facer actividades que antes eran cotiás. Esa persoa prefire quedar na casa, e non só por medo, senón tamén por esa sensación de seguridade e de sentirse a gusto, e non sente esa necesidade de querer saír. Falamos de síndrome e non de trastorno psicolóxico, porque é ese conxunto de síntomas derivados ou como consecuencia dunha experiencia vital concreta, como é o caso do confinamento que fixemos durante estas semanas por mor do coronavirus. Consecuencia que podemos dicir que é natural despois de pasar tanto tempo encerrados nos nosos fogares, confinamento que durou mais de 50 días. O noso instinto de supervivencia puido facer que nos adaptásemos a vivir e convivir confinados. Polo que, agora, esta síndrome pode provocar nalgunhas persoas unha seguridade e tranquilidade nas actividades da casa e do entorno que a rodea, pero tamén unha ansiedade e evitación ante o feito de ter que saír e retomar a vida que antes tiñan. Non podemos esquecernos de que a epidemia non está superada por completo, polo que o risco de contaxio é real. Os medos destas persoas non se produce só por temor ao contaxio, senón que tamén a enfrontarse a espazos abertos e a afrontar situacións sociais con moitos estímulos que escapan desa sensación de control que podemos ter nas nosas casas.

Pero, que podemos facer cando sentimos medo a saír? Primeiramente as saídas deben ser graduais, cada persoa ten que ir regulando o que precisa e como. Por exemplo os paseos, van ir axudando a ter mais contacto co exterior, cos ruídos, co ver xente polas rúas; cada día un pouco máis de tempo, e tentando incluír novos percorridos para irnos habituando e buscar que produzan sensacións agradables, como por exemplo sentir o sol na cara, respirar aire puro e fresco, contacto coa natureza; estas boas sensacións nos van axudar a querer saír ao día seguinte, a querer sentir de novo.

Algo que tamén nos pode axudar é respectar as normas de seguridade que nos propoñen as autoridades sanitarias. Pautas que nos van a proporcionar certa sensación de seguridade e nos axudan a ir superando ese medo ao contaxio, como o gardar a distancia de seguridade (mínimo metro e medio), lavado ou desinfección de mans e uso de mascarilla.

Pero sobre todo, o máis importante é escoitarnos e atender as nosas necesidades. Isto vainos axudar a seguir adiante dun xeito mais respectuoso con nós mesmos e cos demais. É fundamental escoitar o que sentimos, tamén podemos comentarllo ás persoas que son importantes para nós, tanto emocións positivas como negativas, porque estas últimas tamén son necesarias.

Non existe unha única maneira correcta de superar esta situación; é normal ter medo e tamén é normal o querer superalo.

No caso de que os síntomas persistan e resulten incapacitantes no día a día, será preciso pedir axuda psicolóxica.

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.

ÁNIMO!!! QUEREMOS, PODEMOS.