-
As clases impartiranse no edificio multiúsos os luns á tarde
-
O curso forma parte da programación de actividades culturais do Concello de Rois e ten un custe de 30 euros por trimestre
O escultor Camilo Seira impartirá este curso en Rois clases de artes plásticas, abertas para público desde os tres anos ata a idade adulta, coa creatividade e a curiosidade como únicos requisitos previos. Os obradoiros, dunha hora de duración, levaranse a cabo no edificio multiúsos todos os luns entre as 17:00 e as 20:00, e para asistir non é necesario ter coñecementos anteriores. A composición dos grupos mudará en función das idades de quen se inscriba. Asistir ao curso custa 30€ por trimestre e a participación está aberta a toda a cidadanía, aínda que os empadroados en Rois terán preferencia na adxudicación de prazas.
A intención do taller é, en palabras de Camilo Seira, “adestrar o cerebro desde o punto de vista da arte e ver a parte creativa das cousas. Á arte pódeselle sacar partido en calquera situación, mesmo se estás facendo un traballo físico ou mecánico, porque a mente pode estar facendo mil cousas interesantes e enriquecedoras para o espírito”.
Camilo Rodríguez Vidal é coñecido no eido da arte como Camilo Seira, debido á parroquia de Rois na que naceu en 1974 e na que segue residindo. É un dos máis reputados escultores galegos da actualidade, e mestura a súa formación clásica como titulado en Belas Artes co traballo práctico e apegado ao terreo que aprendeu como axudante no taller do artista compostelán Fernando García Blanco, discípulo á súa vez de Francisco Asorey. A súa obra busca unha reconexión entre o individuo e a natureza. Así, é moi característico nas súas creacións o emprego de materiais naturais e atopados e a exploración de lendas ou elementos da etnografía galega.
Seguindo este concepto, o obradoiro vai ser aberto nos materiais que se usarán, práctico para descubrir e experimentar, e variado nas técnicas que se tratarán. “Falaremos da talla, que é a extracción de material; do modelado, como adición; para despois facer unha figura na que empreguemos todo o aprendido. Tentaremos descubrir como se fixeron algunhas obras e aprender a valorar o traballo de persoas que dedicaron toda a súa vida a facer esas tarefas e se especializaron ata converterse en mestres”.
No caso dos nenos, por exemplo, Seira opta por “non limitar a súa creatividade innata, que é brutal. Son capaces de ver nos obxectos e na natureza cousas que os adultos xa non apreciamos”. Para a rapazada, o curso servirá como guía para “descubrir o máxico que hai aí fóra. Os trasnos non son a Campanilla de Walt Disney, senón o paporrubio, ou o gabián, que sabe onde van durmir os gorrións ou onde aniña o paspallás e como aproveitar as oportunidades que lle dá a natureza”. Para pequenos e maiores, a clave é “saber mirar de diferentes maneiras a realidade”.
O taller de artes plásticas e creativas impartido por Camilo Seira forma parte da programación cultural do Concello de Rois para o curso 2020-21. Para inscribirse, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Rois por teléfono (edificio multiúsos: 981 81 60 61) ou enviar o formulario de inscrición (infantil e adultos) a cultura@rois.es, antes do 30 de setembro.