Concurso de Entroido en Liña organizado polo Concello de Rois o 7 de marzo de 2022

O Concello de Rois vén de publicar as bases do concurso de disfraces do Entroido 2023, que se celebrará o sábado 18 de febreiro no transcurso do desfile, e no que se repartirán un total de 1.810 euros en premios entres as cinco categorías nas que se divide. As modalidades son: infantil individual (de 0 a 12 anos); individual (13 anos ou máis anos); parella/trío; comparsa de 4 a 12 membros con dúas categorías (persoas adultas e infantil) e comparsa de 13 ou máis participantes.

Todas aquelas persoas ou grupos interesados en participar no concurso de Entroido deberán anotarse nas oficinas do Concello de Rois en horario de 9.00 a 14.00 horas, cubrindo a folla de inscrición. A data límite será o mércores 15 de febreiro, ás 14.00 horas. A inscrición no concurso implica a participación no desfile.

Aquelas persoas que prefiran realizar a súa inscrición de xeito telemático, por rexistro electrónico ou por correo postal deberán obrigatoriamente remitir copia da inscrición ao número de fax 981 804 182, na mesma data límite.

Segundo recollen as bases, ao formalizar a súa inscrición as comparsas deberán nomear a unha persoa representante sinalando o nome completo, número de contacto e NIF de quen ha de asinar a solicitude e un compromiso de responsabilidade. Tamén deberán entregar o certificado do número de conta bancaria.

No que atinxe a contía dos premios, na modalidade individual infantil contémplanse seis galardóns: Os tres primeiros premios serán en metálico e estarán dotados con 30, 25 e 20 euros, respectivamente, e os tres restantes recibirán un agasallo.

Na modalidade individual maior de 12 anos, haberá premios en metálico de 40, 35 e 30 euros para as tres primeiras persoas gañadoras. E en Parella/trío os premios serán de 60, 40 e 30 euros para os tres primeiros clasificados. 

A modalidade de comparsas de 4 a 12 membros contempla na categoría adulta un primeiro premio de 300 euros e un segundo de 150 euros; mentres que na categoría infantil haberá un primeiro premio de 200 € e un segundo de 100 €. 

Finalmente, na modalidade de comparsas de 13 o máis membros estipúlanse 400 € para o primeiro clasificado; 200 €, para o segundo, e 150 € para o terceiro clasificado.

Durante o desfile o xurado valorará a orixinalidade dos disfraces, a creatividade, a imaxinación e a posta en escena. O desfile sairá diante da casa consistorial de Rois e rematará no polideportivo municipal.

Todos os grupos e comparsas que participen no desfile deberán estar ás 16.30 horas diante do Concello de Rois o 18 de febreiro. Alí recibirán un dorsal que deberán colocar nun lugar visible e que indicará a súa orde de participación no mesmo. O desfile está aberto a todas as persoas que queiran participar nel. No polideportivo de Rois disporán dun tempo máximo de 10 minutos para actuar diante do xurado.

Os disfraces que recibiran algún galardón no concurso do ano pasado, non poderán ser premiados neste. 

As bases do concurso e as fichas de inscripción pódense descargar nos arquivos adxuntos.