• Celébrase o sábado 22 de febreiro co desfile entroideiro a partir das 17.00 h e o posterior concurso, merenda e fin de festa co Dúo Calú no polideportivo
  • O Concello incrementa os premios aos gañadores en douscentos euros
  • Inclúe como novidade a modalidade de comparsa/grupo infantil
  • É obrigatoria a inscrición antes do venres 21 de febreiro

 

20200129 Cartel Entroido2020O Concello de Rois celebrará o sábado 22 de febreiro o tradicional concurso de disfraces de Entroido, un certame no que se repartirán máis de 1.850 euros en premios e que este ano inclúe como novidade a categoría de comparsa/grupo infantil. O día do concurso, o desfile entroideiro partirá da casa consistorial ás 17.00 h para dirixirse ao polideportivo dos Dices, onde terá lugar a valoración do xurado, a merenda, a entrega de premios e un animado fin de festa co Dúo Calú. Para participar e calquera das modalidades é preciso inscribirse antes do venres 21 de febreiro.

O concurso de disfraces, organizado polo Concello de Rois en colaboración coas asociacións veciñais e coas agrupacións de Protección Civil de Rois e Padrón, repartirá este ano un total de 1.850 euros en premios, o que supón un aumento de 200 euros con respecto ao ano anterior.

As modalidades para participar no concurso son cinco: infantil individual ata 12 anos (con 30€ para o primeiro clasificado, 25€ para o segundo e 20 para terceiro, cuarto e quinto, se ben nesta modalidade o importe do premio poderá corresponderse cun agasallo); individual de 12 anos ou máis (con tres premios de 40€, 35€ e 30€); parella ou trío (que levarán 60€, 40€ ou 30€ segundo a posición); comparsa/grupo de 4 a 12 membros, que pode ser de adultos (cun primeiro premio de 300€ e un segundo de 150€) ou infantil (con 200€ para o primeiro premio e 100€ para o segundo); e, por último, comparsa/grupo de 13 ou máis membros (que obterán 400€ de clasificarse en primeiro lugar, 200€ se quedan segundos e 150€ se finalizan terceiros).

Ademais de ampliar a modalidade de parella podendo presentarse en formato trío e de engadir a categoría grupal infantil, outra das novidades desta edición 2020 é que será obrigatoria a inscrición previa do conxunto de participantes. Así, tanto disfraces individuais como grupos terán que anotarse antes das 14.00 horas do venres 21 de febreiro nas oficinas do Concello de Rois.

O propio día da celebración, os participantes deberán recoller o seu dorsal diante do Concello ás 16.30 horas. Media hora máis tarde comezará o desfile entroideiro ata o polideportivo e alí os participantes realizarán unha actuación de menos de 10 minutos para seren avaliados. O xurado estará composto por un mínimo de 5 e un máximo de 7 persoas. Aquelas persoas que participen da festa no polideportivo dos Dices poderán gozar dunha merenda a base de produtos típicos destas datas e da animación musical co Dúo Calú (do Dúo Ciclón ven de comunicarlle ao Concello que, por un compromiso previo, non pode actuar o día 22 en Rois).

As follas de inscrición para todas as categorías e o compromiso responsable que deberán asinar todos os participantes pódense descargar no enlace que figura nesta nova para entregalas nas oficinas municipais antes do 21 de febreiro. Tamén estás dispoñibles nos documentos anexos as bases do certame para a súa consulta.

Desfiles dos centros educativos

Como aperitivo, o venres 21 de febreiro terán lugar os desfiles entroideiros dos centros educativos. O alumnado do CPI Plurilingüe dos Dices percorrerá a distancia que separa o centro educativo da casa consistorial a partir das 10.30 h. Ás 12.00 do mediodía serán os rapaces e rapazas do CEIP Plurilingüe do Pumar Urdilde quen desfilen desde o centro escolar ata a estrada xeral facendo unha parada no Centro de Día.