Con moita emoción viviu a veciñanza de Rois e da comarca do Sar o concerto que este xoves ofreceron no auditorio a Escola Municipal de Música e o CPPI Os Dices xunto cos centros de estudos musicais de Vilani e de Malta (Letonia) como parte do intercambio internacional que promoveu o Concello. Os directores das agrupacións visitantes animáronse a interpretar o Himno galego que pechou a actuación, como resposta ao esforzo da comitiva local, que volveu cantar o Himno de Letonia. Os catorce integrantes do grupo letón regresarán mañá as súas casas, despois de visitar a Catedral e o casco histórico de Santiago.

Na presentación do concerto, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, volveu incidir en que “a música é un idioma universal que serve para estreitar lazos entre os pobos” e recordoulle ao público que enchía o auditorio a importancia dos intercambios internacionais para axudar na formación da xuventude.

O concerto comezou coa actuación do grupo folk da escola de música de Vilani, dirixido por Inta Brence, e a de Malta, baixo a batuta de Normunds Stekels, que se animaron a interpretar un fandango e o tema ‘Bésame mucho’. A continuación, o alumnado do CPPI Os Dices, acompañados pola ESMU de Rois, intepretou ‘Green Sleeves’ e ‘Os sonidos do silencio’. Profesorado e alumnado de Rois cantaron tamén a capella ‘Schedrik’, un tema tradicional ucraniano, antes de que a agrupación local (dirixida por Manuel Villar, director da ESMU de Rois) lle ofrecese ao aditorio ‘Los niños quieren la paz’ e ‘Lela’, esta última con Lucía Rabuñal como solista.

As agrupacións galega e letoa tocaron despois dúas cancións tradicionais do país báltico, antes de cantar os himnos letón e o galego, co que rematou un concerto que foi moi aplaudido polo numeroso público asistente.

O alcalde de Rois e a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, presenciaron o concerto xunto ao alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; o tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín, e o concelleiro dodrense Xoán Xosé Vicente; e outros membros do equipo de goberno roisense. Tamén se atopaban entre o público a directora do CPPI Os Dices, Ana Lamela; e a presidenta da Asociación Xuvenil Vrenza, Andrea Neira.

Ao rematar a actuación, a concelleira de Cultura agradeceulle ás familias e ao profesorado a implicación con este proxecto internacional que promoveu o Concello de Rois e levou á comitiva roisense a visitar Letonia a semana pasada. Dun xeito especial, Victoria Quiroga mencionou o traballo de Anna Melikhova, profesora de canto da ESMU que exerceu de tradutora coa comitiva letoa, e ao director Manuel Villar por deixar alto o pabillón musical galego. Tamén tivo palabras de agradecemento para a xestora cultural do concello, Anayansi Sing, que coordindou a expedición local, e para Juan Martínez, director de Alicentis, empresa de comunicación que se encargou de informar sobre o intercambio e de elaborar o vídeo resumo da estadía en Letonia que se estreou ao rematar o concerto. Todos eles subiron ao escenario para recoller un agasallo.

Este é o terceiro intercambio internacional que promove o Concello de Rois coa Escola municipal de música, que tamén viaxou a Venecia (Italia) en 2018 e a Patszó (Hungría) en 2019.

Os visitantes regresan mañá a Letonia

A comitiva letoa regresará mañá á casa despois de coñecer a Catedral e o casco histórico de Santiago. Hoxe visitaron os dous colexios de Rois (O Pumar de Urdilde o Os Dices no núcleo de Rois) e a escola municipal de música, antes de achegarse ata a praia de Barraña.

Na recepción oficial que lles brindou o alcalde o pasado mércores, tanto Normunds Stekels como Intea Brence adiantaron que están preparando un gran festival na rexión de Rezekne (formada por varios municipios nos que viven unhas 40.000 persoas) e teñen a intención convidar ao Concello de Rois a participar no mesmo.

Durante estes días en Galicia, o grupo de Letonia puido coñecer a Cidade da Cultura, o pazo do Faramello e a Asociación Amipa, ademais de visitar a exposición Land Art en Seira, as instalacións de Aluminios Cortizo, o Centro Superior de Música de Galicia e o balén tradicional de Valga, así como a vila de Noia.

A idea de facer este intercambio con Rezekne Distrit, unha rexión situada a 240 quilómetros ao leste da capital de Letonia, xurdiu o pasado mes de novembro durante o encontro As voces europeas contra o euroescepticismo que promoveu o Concello de Rois e que xuntou a representantes dos 27 países da UE, como recordou Victoria Quiroga na recepción oficial.

A comitiva roisense

A representación de Rois que participou neste intercambio estivo encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e a xestora cultural Anayansi Singh, e integrada por alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, co seu director, Manuel Villar, ao frente. Forman parte deste grupo Grecia Domínguez, Aroa Boga, Víctor Abascal, Celtia Insua, Amelia Miguéns, Lourenzo Somoza, Aitana Rodríguez, Ileana Piñeiro, Alba Manni, Desirée Meis, Anrís Soto, Lucía Rabuñal, Anna Melikhova, Fabián Jamardo, Elena Domínguez, Amparo Cánovas, Brais Villar e Martín Chaves. 

En representación do CPPI Os Dices viaxaron coa comitiva a profesora de música e xefa de estudios Mireia Pamies, xunto con Iker González, Carolina Martínez, Nuria Costa, Carmen Romarís e Rocío Casal.

O profesor da ESMU Gabriel Miguéns encargouse dos arranxos musicais dos temas que interpretou o grupo de Rois.