Unha sonora e prolongada ovación do público puxo fin ao concerto conxunto que ofreceron a Orquestra de Sopros e Percussao da Academia de Música de Santo André (Portugal) e a agrupación da Escola Municipal de Música de Rois (ESMU), dentro do intercambio internacional que promoveu o Concello de Rois para completar a formación musical do alumnado da ESMU e facilitarlle o coñecemento doutras culturas. Esta nova experiencia rematou cunha cea de convivencia entre as dúas delegacións, na que participación as familais roisenses, rematou esta nova experiencia que comezaba o xoves coa chegada da comitiva lusa, formada por máis de cincuenta persoas.
“Foi un intercambio no que a cordialidade e a emoción foron a tónica durante todos os días de convivencia”, resumía a concelleira e Cultura de Rois, Victoria Quiroga, tras despedir a delegación portuguesa este domingo, antes de que iniciara o regreso ao municipio de Santiago do Cácem, a uns 150 quilómetros ao sur de Lisboa.

A emoción fíxose patente sobre todo no concerto que se desenvolveu o sábado pola tarde no auditorio do campus tecnolóxico Cortizo, tanto nas actuacións que fixeron por separado as dúas agrupacións como cando a Academia de Música de Santo André (AMSA) e a ESMU de Rois se fusionaron nunha soa orquestra para interpretar É p’ra amanha e Lela, dous temas moi coñecidos en Portugal e en Galicia, respectivamente. O público aplaudiu con ganas todas as cancións, chegando a poñerse de pé en máis dunha ocasión.
O concerto comezou coa actuación de Xiao Berlai e Xoán Curiel, que actuaron de teloneiros. Xoán Curiel volvería subir máis tarde ao escenario, para acompañar a ESMU cando tocou dúas cancións súas, ‘Canta miña pedra, canta’ e ‘Adeus’.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu a implicación das familias e da directiva da AMSA que participaron nesta iniciativa. Tojo lembrou que o Concello de Rois seguirá apostando polos intercambios internacionais como mecanismo para “completar a formación do alumnado da Escola Municipal de Música, porque a música axuda a formar a nosa xuventude e a facer boas persoas”, asegurou o alcalde, que estivo acompañado polos integrantes do equipo de goberno de Rois.
Tras o concerto houbo tamén intercambio de agasallos entre o goberno de Rois, o director da ESMU, Manuel Villar e os directores da AMSA, Lígia Santos e Alexandre Pintassilgo.
Despois, as dúas agrupacións participaron nunha cea de convivencia no polideportivo municipal, no que as familias roisenses aportaron diferentes platos da gastronomía galega para compartir coa comitiva visitante, que preparou un bacallau á portuguesa. Pablo Díaz encargouse de poñer música a esta xornada co seu espectáculo ‘Cantareiras e a tradición oral’. A rapazada non dubidou en poñerse a bailar con diferentes coreografías.

A Academia de Música de Santo André, nada no ano 2018, forma estudantes de todas as idades combinando clases individuais e colectivas cunha forte compoñente lúdica e conta con aulas mixtas nas que aprenden xuntas persoas de diversas idades.
Pola súa parte, a Escola Municipal de Música de Rois conta actualmente con máis dun cento de alumnos de todas as idades.

A visita da comitiva portuguesa responde á que fixo en novembro a Santiago do Cacém un grupo de 17 alumnas e alumnos da Escola de Música de Rois, que tiveron a oportunidade de coñecer de primera man o traballo da Academia de Música de Santo André nunha viaxe na que tamén se incluíu un concerto conxunto de ámbalas agrupacións. Nesta viaxe participaron a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga; o director da ESMU, Manuel Villar; os profesores Fabián Jamardo e Brais Villar, e a xestora cultural Anayansi Singh.
O intercambio entre a Escola de Música de Rois e a Academia de Música de Santo André é o cuarto que desenvolve o centro municipal roisense nos últimos anos, logo dos que levaron ao alumnado da ESMU a Venecia (2018); Pasztó, en Hungría (2019); e Letonia (2022 e 2023).O goberno municipal de Rois mantén así o seu compromiso coa formación musical e co fomento de experiencias culturais internacionais, que contribúen ao desenvolvemento integral da veciñanza máis nova do municipio. Entende que a música é unha ferramenta marabillosa para facilitar o crecemento das persoas e das comunidades ao favorecer a interacción e a cohesión sociais.
