O Concello de Rois e a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela asinaron a renovación do convenio de colaboración que estará vixente ata o 31 de decembro de 2026. O alcalde, Ramón Tojo Lens, e a presidenta da entidade, Fátima Granja Fernández, formalizaron o acordo que dá continuidade ao traballo conxunto iniciado en anos anteriores.
A través deste convenio, o Concello de Rois comprométese a apoiar o mantemento dos servizos da asociación cunha achega de 1.000 euros, repartidos en dúas anualidades de 500 euros correspondentes a 2025 e 2026. O obxectivo principal é garantir o bo funcionamento da entidade e contribuír á eliminación das barreiras de comunicación, favorecendo a igualdade de oportunidades e a plena participación das persoas xordas e xordocegas na sociedade.
A Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, constituída en 1977, é unha organización sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade auditiva e das súas familias, promovendo a integración en ámbitos como o educativo, o laboral e o social. O convenio permitirá seguir reforzando este labor tamén no ámbito territorial de Rois, asegurando que a veciñanza dispoña de recursos que faciliten unha vida cotiá máis accesible e inclusiva.
Coa sinatura deste acordo, o Concello de Rois reafirma o seu compromiso coa inclusión social e co apoio a entidades que, como a Asociación de Persoas Xordas, desenvolven un papel fundamental na defensa dos dereitos e na promoción da diversidade.

















