Cartel coa programación cultural e deportiva para os meses de xullo e agosto en Rois

O Concello de Rois presenta unha completa programación cultural e deportiva para os meses de xullo e agosto. ‘Verán en Rois’ é unha proposta pensada para todos os públicos, que levará actividades a diferentes parroquias do municipio e combinará tradición, lecer e dinamización lingüística. As iniciativas inclúense en programas como Cultura no Camiño e FalaRedes, promovidos pola Xunta de Galicia, e tamén no programa municipal Cultura Dispersa, co que o Concello apoia as festas parroquiais.

O calendario arrinca o sábado 5 de xullo coa décimo sétima edición da Andaina por parellas, organizada polo Concello en colaboración co colectivo Remonte. A saída será ás sete e media da tarde desde o polideportivo de Rois, que será tamén o punto de chegada.

Xa o martes 8, ás doce do mediodía no auditorio municipal, comezará a programación cultural cunha proposta musical a cargo de Verónica Santalices, que presenta O Rianxeiro dentro do programa FalaRedes. Trátase dunha viaxe sonora que achega a figura de Castelao ao público máis novo a través de cancións tradicionais galegas.

A música e o humor para todos os públicos chegarán o venres 11 con dobre cita de Cultura no Camiño: ás doce do mediodía, o campo da festa de Rois acollerá Peque disco Moc Moc, un espectáculo de Mere Clown cheo de ritmos, luces e interacción co público; e á mesma hora, no campo da festa de Urdilde, María Faltri porase aos mandos como picadiscos para facer bailar á cativada ao son da música infantil en galego.

Na mañá do martes 15, tamén ás doce, o campo da festa de Urdilde converterase nunha zona de obras da man de Brais das Hortas, que combina contacontos, instrumentos feitos con obxectos e a participación activa do público. A actividade está incluída no programa Cultura no Camiño.

O venres 18, a parroquia de Ribasar será escenario da alborada, misa e sesión vermú coa Charanga Os Celtas, nunha proposta enmarcada en Cultura Dispersa. Esa mesma mañá, no campo da festa de Rois, Os Quinquilláns representarán a peza de teatro de rúa Por que é salgada a auga do mar?, unha divertida mestura de ciencia e lenda incluída tamén en Cultura no Camiño. O sábado 19 pola noite será a quenda para a música de verbena, coa disco móbil Chocolate animando a parroquia de Herbogo, dentro de Cultura Dispersa.

A última semana de xullo traerá novas propostas familiares: o xoves 24, Luis Vallecillo achegará Selkie: A lenda do mar do Norte, un espectáculo con monicreques e música que convida a coidar o medio mariño. Será ás doce no campo da festa de Rois, como tamén o será Novas Tolemaxias, do Mago Teto, que pechará o mes o xoves 31 con ilusionismo e humor, tamén dentro de Cultura no Camiño.

En agosto, o deporte será protagonista o sábado día 2, co XIX Torneo Interparroquial de fútbol 7 no campo da Braña. A música volverá o domingo 3 a Augasantas coa alborada a cargo de Os Jaitas Blues, dentro de Cultura Dispersa.

A programación de Cultura no Camiño continuará o venres 8 coa representación de A Corva, a cargo da compañía A Cova das Letras, que actuará ás doce no campo da festa de Rois. A fin de semana volve Cultura Dispersa: por un lado, o sábado 9 Chorima acompañará as festas de Seira xa dende a alborada e, por outro, o domingo 10 a Banda da Vila de Cedeira ofrecerá un concerto ao acabar a misa en Rois.

Xa o xoves 14, Miguel Guido presentará O lobo feliz no campo da festa de Urdilde, tamén ás doce, cun contacontos musicado que ofrece unha nova visión sobre os lobos.

As verbenas de Cultura Dispersa regresarán o venres 15, coa disco móbil Chocolate en Leroño, e continuarán o sábado 16 coa sesión vermú do Dúo Stylo en Urdilde, e o domingo 17 cos Xeitosos de Trazo animando a sesión vermú en Oín.

A programación pecharase o venres 22 de agosto co espectáculo de narración oral Un saco de contos, no que a artista Ángela Goás irá sacando historias dun saco máxico. A cita será ás doce do mediodía no campo da festa de Rois, tamén dentro do programa Cultura no Camiño.