Logo de tres anos de parón obrigado pola Covid-19, o Concello de Rois retoma unha das actividades de maior aceptación entre a poboación de máis idade do municipio: a Viaxe para Maiores. Nesta edición de 2023 o destino elixido é Huelva e a Costa da Luz e a excursión realizarase do 23 ao 29 de abril.
Son sete días e seis noites polos que haberá que aboar 350 euros por persoa. O prezo inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, billetes de avión e traslados, así como desprazamentos e visitas guiadas a Islantilla, Isla Cristina, Marismas de Odiel, Moguer, Ayamonte, Niebla, Parque de Doñana e Huelva.
O Concello pon a disposición da veciñanza un total de 90 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Poderán beneficiarse aquelas persoas empadroadas en Rois que sexan pensionistas de xubilación; de invalidez ou viuvez con 55 anos feitos; e persoas cos 65 anos cumpridos. Só poderán participar aquelas persoas que se vallan por si mesmas e non padezan alteracións de comportamento que impidan a normal convivencia nos hoteis.
O prazo de inscrición abre o luns 20 de marzo. A partir desa data, e ata o venres 31 de marzo, quen desexe participar na viaxe deberá anotarse en persoa no departamento de Servizos Sociais do Concello de Rois, en horario de 9.00 a 14.00 horas. No momento de anotarse, deberán presentar o DNI, a tarxeta sanitaria e o xustificante do pagamento, que se realizará na conta que ten o Concello en Abanca: ES64 2080 0328 9631 1000 0060.