Carátula do vídeo co que Rois conmemora o Día da Muller Rural

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o 15 de outubro, o Concello de Rois edita un pequeno vídeo no que visibiliza as achegas das veciñas ao tecido social, económico e cultural do municipio. O vídeo, realizado nesta ocasión con ilustracións, reivindica o papel das mulleres labregas e gandeiras como profesionais, emprendedoras, mestras, coidadoras… e, en suma, como artífices dun rural que aspira a ser sostible ofrecendo servizos de calidade e posibilidades de desenvolvemento.


A finalidade desta iniciativa promovida polo Concello de Rois é esixir igualdade, coa conseguinte equiparación nos salarios e nas oportunidades laborais e vitais para as mulleres que viven no rural.


A peza audiovisual dálle continuidade ao vídeo que o ano pasado protagonizaron nove veciñas do municipio e que tivo un gran éxito de difusión. Entón foron empresarias, directivas e integrantes das asociacións de mulleres rurais de Rois quen narraron as súas experiencias vitais como veciñas dun concello eminentemente rural para ofrecer a súa visión sobre o papel da muller no sector agrogandeiro e no tecido asociativo local.