Os meses de setembro e de outubro no Concello de Rois son sinónimo de cultura, de teatro e de espectáculos para toda a veciñanza. O programa do Outono Cultural deste 2023 comeza o sábado 30 de setembro con citas cada sábado no Auditorio Municipal.
O Concello de Rois reafirma deste xeito a súa intensa aposta polo teatro profesional e afeccionado, manténdose ao día non só das novidades na escena galega, senón tamén ofrecendo un espazo para que as agrupacións poidan continuar co labor de dar a coñecer e difundir de xeito popular obras da literatura tradicional e contemporánea.
A primeira das propostas poñerase en escena o vindeiro sábado día 30 de setembro. O espectáculo ‘Sos’, da productora Malasombra e dirixida polo estradense Xoque Carbajal, mestura a comedia e o drama para facer unha reflexión sobre a vellez, a convivencia e a soidade que sofren moitas persoas maiores nos seus últimos anos de vida.
‘SÓS’ conta a historia de Rodrigo e Marcelino, dous homes octoxenarios que se ven obrigados polas circunstancias a compartir piso.
O seguinte sábado, 7 de outubro, o Auditorio Municipal acolle a obra ‘O boleto premiado’ da Asociación Cultural e Teatral Pedroso. Esta peza narra a historia dun pobo tranquilo no que aparece un boleto da primitiva premiado cunha grande cantidade de diñeiro, un feito que debería traer alegría, pero que ás veces tamén trae problemas.
Xa o sábado 14 de outubro, a partir das 20.00 horas, a cita é con Talía Teatro e a obra ‘Unha inimiga do pobo’. Esta adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal de Henrik Ibsen, denuncia unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación e reflexiona sobre o poder dos medios de comunicación.
Por último, o día 21, a Asociación Club de Maiores de Boqueixón trae ao Concello de Rois o espectáculo ‘Un morto moi vivo’. A obra conta como Delmiro decide preparar o seu velorio por todo o alto para logo marcharse a Brasil a desfrutar da vida dando lugar a situacións moi disparatadas. A hora de inicio é ás 20.00 horas.
Da man da Rede Cultural e da Deputación da Coruña, todas as obras de teatro representaranse no Auditorio Municipal.