-
As obras deberán ser inéditas e enviarse por correo electrónico ao enderezo cultura@rois.es
-
Os maiores de 11 anos deberán escribilos en ordenador e os menores poderán presentar unha foto cos seus traballos.
O Concello de Rois volve reactivar o Certame artístico e literario de relato breve e poesía que se suspendera polo decreto do estado de alarma de 14 de marzo. A pandemia da COVID-19 implicou tamén algunha modificación no procedemento para participar neste certame. Ata o 15 de xuño, todas as persoas interesadas en concursar deberán remitir por correo electrónico, ao enderezo cultura@rois.es, os seus traballos. Os maiores de 11 anos deberán mandar as súas obras escritas a ordenador, mentres que para os menores desa idade permítese que envíen unha fotografía do seus traballos se os fan a man.
No Certame artístico e literario de relato breve e poesía poden participar todas as persoas que o desexen, sen límite de idade, establecéndose diferentes categorías: ata 6 anos, 7 e 8 anos, de 9 a 11, de 12 a 14, de 15 a 17 e maiores de 18 anos.
Os traballos deberán incorporar algún elemento característico do concello de Rois, ademais de estar escritos en galego, ser orixinais e inéditos e ter un máximo de dez folios no caso de narrativa e de entre 10 e 60 versos os poemas. As persoas que non manexen a lectoescritura e os máis pequenos, na categoría de ata seis anos, poden presentar un debuxo.
O prazo de entrega de orixinais remata o 15 de xuño e deberán enviarse por correo electrónico a cultura@rois.es, remitindo dous arquivos. Nun figurará o traballo que se presenta a concurso (en formato word, pdf, ou jpg para os máis pequenos) e, no outro arquivo, a ficha dos datos que figuran na cláusula sexta (nome e apelidos, enderezo, data de nacemento, teléfono de contacto e título do traballo, así como o nivel educativo e o centro no caso de que o participante estea escolarizado).
A entrega de premios ás dúas mellores obras de cada categoría celebrarase unha vez finalice o estado de alarma e así o permitan as autoridades. Na categoría de 15-17 anos, os premios serán en metálico, cun importe de 60 euros para os primeiros e 30 euros para os segundos. Na categoría de maiores de 18 anos, os premios, tamén en metálico, serán de 100 euros para os primeiros e 50 euros para os segundos. No resto das categorías, os premios consistirán nun lote de libros. Todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo.
As bases de cada un destes certames poden consultarse nos documentos anexos a esta nova.