O Concello de Rois organiza unha charla sobre alimentación saudable, que terá lugar o próximo xoves 30 de novembro no edificio multiúsos. A sesión comezará ás 13:30h e será unha oportunidade única para aprender sobre nutrientes esenciais, hábitos saudables e a importancia dunha dieta equilibrada.
As expertas que guiarán esta conferencia son Alejandra Martínez Cortiñas, dietista e nutricionista do centro de saúde de Padrón; Alicia Montero Costas, médica de familia que na actualidade exerce en Rois; e Candela Vilela Castro, médica interna residente.
Estas profesionais ofrecerán consellos prácticos e información valiosa sobre como manter unha alimentación saudable, promovendo o benestar e a saúde para todas as persoas asistentes. A entrada é de balde e aberta a todos os veciños e veciñas de Rois e arredores.