O Concello de Rois celebra o luns 15 a festividade de Santo Isidro e para conmemorar o día do patrón do municipio vaille facer unha homenaxe ás persoas centenarias de Rois entregándolles a distinción Toda unha vida tradicional nesta festa. A familia da farmacia Juana María Sosa Ron recibirá o recoñecemento Santo Isidro Labrador. O programa de festas deste ano inclúe o xantar popular, música e xogos e obradoiros para todas as idades o luns pola tarde, e unha gran verbena o martes 16 coas orquestras Panorama e Charleston Big Band. O etnógrafo e mestre Clodio González Pérez será o pregoeiro da festa.

As persoas interesadas en participar no tradicional xantar popular deberán recoller as súas invitacións antes do xoves 11 de maio, para o que deberán abonar unha cota de 8 euros (persoas adultas) e 4 euros os menores de dez anos. As persoas que non estean empadroadas en Rois deberán pagar 21 euros. O pago da cota correspondente deberá facerse na conta que o Concello de Rois ten habilitada en ABANCA: ES64 2080 0328 9631 1000 0060, indicando no concepto o nome e apelidos.

Os actos para celebrar o Santo Isidro comezarán, o día 15, ás nove da maña en Urdilde e Rois coas bombas de palenque e un pasarrúas a cargo do OCT Chorima. A misa solemne celebrarase ás 13.00 na igrexa de Rois coa intervención do Coro de Buxán e do OCT Chorima, e despois celebrarase o xantar popular no polideportivo dos Dices, onde o mestre e etnógrafo Clodio González Pérez pronunciará o pregón tras a benvida do alcalde, Ramón Tojo Lens. A charanga Os Celtas da Baña amenizará a sobremesa.

Durante as homenaxes ás persoas centenarias do municipio e á familia da farmacia Juana María Sosa Ron (a farmacia de Samil, en Rois), que recibirán os premios Toda unha vida e Santo Isidro Labrador, respectivamente, tamén se entregará o premio a Victoriano Trenco Díaz, como o gañador do concurso de carteis e por ser o autor da imaxe que este ano promociona as Festas do Santo Isidro de Rois. O Concello fará este ano un recoñecemento especial a todo o cadro de persoal que traballa nos centros de saúde de Rois

Xa pola tarde haberá xogos e obradoiros para todas as idades no patio do colexio dos Dices, con inchables, campionato de truco de seis. Haberá dous obradoiros infantís, ás 17.00 de arte e natureza, dirixido por Camilo Seira, e ás 19.00 de cerámica, con Alén das olas cerámica. Para persoas adultas haberá outros dous, o de cerámica (17.00) e un de manualidades con material de refugallo, dirixido por Patricia Carazo.

Os Monifates de festa en festa, co seu espectáculo de música e monicreques; o OCT Chorima e A Tajea encargaranse de poñer o peche musical ao primeiro día de festa.

O martes 16 haberá unha gran verbena no campo da festa de Rois, amenizada polas orquestras Panorama e Charleston Big Band.Para organizar esta festa, o Concello de Rois conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e de Protección Civil de Rois.