• Máis de 200 persoas nun emotivo acto co que se celebrou o Día Internacional da Muller

  • Sorpresa entre as homenaxeadas ao escoitar a familiares lendo parte das súas historias de vida

  • Os retratos de Lara Barreiro que amosan a diversidade de Rois poderanse ver no multiúsos ata o 31 de marzo

 

Emoción, bagoas e moitos aplausos entre as homenaxeadas e as máis de 200 persoas que asistiron esta mañá ao inauguración da exposición ‘Aloitadoras’. Os retratos de 31 mulleres cos que Lara Barreiro quere amosar a diversidade que hai en Rois e renderlle unha homenaxe á muller rural. O Concello, que apoiou e promoveu esta iniciativa, vai editar un libro coas facianas de todas as protagonistas e as súas historia de vida “para deixar un legado e que todo o mundo vexa que en Rois hai moitas mulleres que son pioneiras”, indicou o alcalde, Ramón Tojo.

Profesoras universitarias, pioneiras na Garda Civil ou facendo ‘traballo de homes’, empresarias, emprendedoras, deportistas, inmigrantes, nais, avoas, persoas con capacidades diferentes que son quen de romper estereotipos, amosan a través da súa faciana a diversidade e o espírito de superación e emprendemento que hai en Rois, nunha exposición que se lle dedica a Lourdes Gómez. Outra muller pioneira que en 1986 constituía en Urdilde a primeira asociación de mulleres rurais de Galicia e das primeiras de España, entidade que presidiu ata o seu pasamento. Hoxe, o Concello rendeulle unha homenaxe, dedicándolle a exposición e entregándolle a un dos seus fillos unha replica da súa fotografía.

20200308 Dia Muller Aloitadoras ALI3409

 ‘Aloitadoras’ quere dar a coñecer a vida de 31 veciñas, representantes das doce parroquias do municipio, que teñen toda unha historia detrás. A través da súa faciana, de todo o que expresan coa súa mirada, coas súas mans, incluso coas súas engurras, e co seu silencio, esta exposición amosa tamén a diversidade que hai en Rois.

Coma Lourdes Gómez, en ‘Aloitadoras’ aparecen mulleres que iniciaron camiño e das que Rois se sinte orgulloso. María Jesús Castro foi a primeira concelleira da Corporación na etapa democrática. Sara Iglesias, despois de conseguir unha beca da fundación Barrié para estudiar primeiro de Bacharelato en Estados Unidos, decidiu facerse soldadora, e segue disposta a mellorar o sistema educativo para que outras non teñan que vivir o que a ela lle tocou nun oficio moi masculinizado. María Ángeles Soto foi a primeira muller de España en formar parte da Unidade de Branqueo de Capitais da Unidade Central Operativa da Garda Civil. Carmiña García a primeira funcionaria que tivemos no concello. Rosaría María Noia sorprendeu a moitos como condutora de autobús. Vanesa Rodríguez sabe compaxinar os ensaios clínicos coa súa afección ao motocros, consciente de que é unha das poucas neste deporte. Guadalupe Gómez non dubidou en presidir e reflotar a Sociedade Deportiva Escravitude.

E así ata 31. Gandeiras, artesás, comerciantes, empresarias, mulleres con iniciativa, capacidade de decisión e dispostas a superar as barreiras que se lles impoñen e abrir camiños. Así son as mulleres de Rois que aparecen nestas mostra na que, dende hai anos, estiveron traballando Lara Barreiro, a fotógrafa, Anayansi Singh, xestora cultural do concello, e Uxía Pérez, educadora familiar.

20200308 Dia Muller Aloitadoras ALI3363

A sorpresa para moitas das protagonistas chegou, incluso, antes de ver os retratos. Nun auditorio municipal abarrotado, familiares destas 31 mulleres foron lendo unha frase da súa historia de vida. As bagoas comezaron a verse en moitas facianas. Algunha nin sequera sabía que tiña ao fillo entre o público ata que escoitou a súa voz.

Así transcorreu un acto que iniciaba Mercedes Basante lendo o manifesto do Día Internacional da Muller, e no que tamén interviñeron as tres promotoras da exposición e o alcalde. Ramón Tojo sorprendeu aos presentes cando anunciou que o Concello vai publicar un libro coas fotos e a historia de vida que acompaña a cada unha, “para que todos nos sintamos orgullosos delas”.

20200308 Dia Muller Aloitadoras ALI3382

Logo, o propio alcalde lle entregou a cada homenaxeada unha copia da súa fotografía nun portarretratos feito polos usuarios e usuarias da Asociación Amipa. Lara Barreiro foi outra doas sorprendidas, para a fotógrafa houbo tamén un agasallo antes de que As Repeniqueiras de Urdilde interpretaran tres cancións que puxeron o colofón a un acto que fixo aflorar a sensibilidade e o orgullo de todos os asistentes e das propias homenaxeadas.

Todas e todos visitaron despois a exposición na planta baixa do multiúsos de Rois (que conta co patrocinio de Saal Digital), onde puideron compartir uns petiscos e saborear un vermú feito na comarca do Sar, o Petroni. A exposición poderase ver no mulitúsos de Rois ata o 31 de marzo.

Album de fotos no Facebook do Concello de Rois (neste enlace)

20200308 Dia Muller Aloitadoras ALI3415