O Concello de Rois e o Colectivo Remonte, entidades organizadoras da Andaina por Parellas, acordaron aprazar a actividade prevista para este sábado, 4 de xullo, debido á previsión de temperaturas extremas e co obxectivo de garantir a seguridade e o benestar das persoas participantes.
A decisión baséase nas previsións emitidas polos organismos oficiais, que anuncian un episodio de calor intensa para a fin de semana. Tanto a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) como MeteoGalicia prevén un novo ascenso das temperaturas, con máximas que no interior de Galicia poderán achegarse aos 38 ºC, e unha situación de calor persistente.
Así mesmo, o Ministerio de Sanidade, a través do sistema Meteosalud, activou para este sábado a alerta laranxa (risco medio) por altas temperaturas, reforzando as recomendacións de prevención para evitar os efectos da calor, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.
Ante estas circunstancias, a organización considera que o desenvolvemento dunha actividade deportiva e de lecer ao aire libre podería supoñer un risco para a saúde das persoas participantes, especialmente nas horas centrais do día, polo que se optou por actuar con prudencia e responsabilidade.
O Concello de Rois e o Colectivo Remonte lamentan as molestias que este cambio poida ocasionar e agradecen a comprensión de todas as persoas inscritas. A nova data de celebración da Andaina por Parellas comunicarase proximamente a través das canles oficiais de ambas as entidades.
















