O Pleno do Concello de Rois aprobou esta mañá o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) por un importe total que supera os 875.000 euros, entre o POS+ 2024 e o Plan complementario. Na sesión tamén se aprobou o plan para financiar gastos sociais extraordinarios, cunha partida lixeiramente superior aos 75.000 euros.

O Concello de Rois decidiu repartir os 424.135 euros que lle corresponden do Plan de obras e servizos da Deputación da Coruña en dúas grandes partidas. Unha de 238.880 euros, que se vai destinar a gasto corrente, para o pago de facturas, e outra de 185.254 euros para financiar obras. A iniciativa contou cos votos favorables dos edís do Partido Popular e coa abstención dos dous concelleiros socialistas. A representante do BNG non puido asistir á sesión.

A Corporación aprobou tamén os proxectos de obras que se inclúen no POS+, no que figura o afirmado e acondicionamento do vial que vai dende a AC-308 ata Busto; de varias pistas en Pazos e da estrada que comunica a AC-543 con Pazos.

Polo que respecta ao Plan complementario, o Pleno aprobou a proposta presentada polo equipo de goberno do PP, na que figuran catro proxectos de melloras viarias cun orzamento conxunto de 452.430 euros.

Neste plan complementario inclúense o afirmado e acondicionamento das pistas que van da DP7402 ata Albagueira; da de Cernán a Vilariño e da que vai do límite municipal con Brión ata Francelos. O cuarto proxecto inclúe melloras nas pistas da AC-301 a Leroño e á Casa do Vento.

Canto ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios para este ano 2024, o Concello de Rois inclúe actuacións por un total de 75.217 euros, que serán financiadas cos 68.251 que aporta a Deputación, 6.400 de fondos municipais e 500 doutros ingresos. Esta solicitude aprobouse co apoio do PP e a abstención do PSdeG.

Do presuposto total, 32.000 euros resérvanse para reforzo e ampliación de persoal técnico dos Servizos Sociais do Concello, e 28.000 para axudas de emerxencia. Outros 3.000 euros son para ampliar o servizo de axuda no fogar, 3.000 para axudas económicas de respiro familiar e 5.000 para reforzar a atención a persoas sen fogar.

Para axudar a familias vulnerables a facerlle fronte a gastos de consumo enerxético consígnase unha partida de 1.000 euros, e outros 3.200 para a adquisición de equipamento para o desenvolvemento de programas dos Servizos Sociais municipais.