O Concello de Rois convoca unha nova edición do concurso de carteis co motivo da celebración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo. Este certame está dirixido ao alumnado dos centros educativos do municipio e ten como obxectivo promover a reflexión sobre os dereitos das mulleres e nenas, así como a igualdade de xénero, a través da arte e a expresión plástica.
Os traballos, que deberán presentarse en formato A3 ou A4, poderán empregar diversas técnicas, como ilustración, fotografía ou colaxe, entre outras. Todos os traballos deberán incluír obrigatoriamente un lema ou texto curto en galego que reflicta a conmemoración do Día da Muller. Ademais, tamén se permitirá a presentación de traballos en grupo, sempre que estes sexan orixinais e inéditos.
O prazo de entrega dos traballos será ata o xoves 6 de marzo. Os traballos recolleranse nos centros educativos do municipio durante ese día.
En canto aos premios, establecéronse dous premios por cada unha das nove categorías seguintes: 1º, 2º e 3º de Educación Infantil; 4º de Infantil; 5º de Infantil; 6º de Infantil1; 1º e 2º de Educación Primaria, 3º e 4º de Primaria, 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de Secundaria Obrigatoria (ESO) e 3º e 4º da ESO. Se un traballo grupal é presentado por menores pertencentes a diferentes categorías, será clasificado na categoría do neno ou nena de maior idade.
Os carteis premiados serán utilizados para promocionar os actos organizados polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller. Ademais, todos os participantes, tanto os premiados como os non premiados, recibirán un diploma acreditativo.
As bases do concurso e o formulario de inscrición pódense descargar nos arquivos adxuntos.