Concurso de tarxetas de Nadal Rois 2021

Un ano máis, o Concello de Rois convoca o concurso de tarxetas de Nadal para escolares do municipio e, como vén sendo habitual, un dos traballos premiados no certame será elixido para felicitarlles as festas á veciñanza. O alumnado de educación infantil e primaria dos centros educativos roisenses está chamado a presentar as súas propostas creativas antes do 3 de decembro, data límite para presentar os traballos.

En total haberá 6 premios distribuídos noutras tantas categorías: 1º a 3º de educación infantil, 4º a 6º de infantil, 1º e 2º de educación primaria, 3º e 4º de primaria, 5º e 6º de primaria e, por último, un premio para a tarxeta elaborada por alumnado de diferentes niveis educativos (por exemplo, familiares ou amigos de diferentes cursos). Os traballos serán entregados nos propios centros educativos.

Este concurso de tarxetas de Nadal, ademais de fomentar a creación artística, permitirá seleccionar o traballo que será reproducido na felicitación institucional do concello de Rois. As outras tarxetas premiadas servirán para anunciar os actos programados polo Concello nesta época festiva. Finalmente, o resto dos participantes recibirán un diploma acreditativo.

O xurado estará composto por un mínimo de tres persoas: un representante do persoal municipal, outro do profesorado e unha persoa en representación dunha das Anpas.

Nos arquivos adxuntos poden descargarse as bases do concurso e a plantilla para participar.