O Concello de Rois vén de facer pública a convocatoria do concurso de carteis da Festa do Santo Isidro Labrador 2023 coa fin de promocionar o municipio e as súas festas patronais. O certame está dotado cun único premio de 200 euros e o traballo gañador será a imaxe oficial que empregará o Concello para promocionar o programa do Santo Isidro Labrador deste ano.

No concurso de carteis poden participar todas as persoas maiores de 14 anos (feitos antes do 31 de decembro de 2022). Cada participante poderá remitir ata un máximo de dous traballos. O prazo rematará o venres 14 de abril ás 14.00 horas.

As técnicas de confección a empregar serán libres e contribuirán a enxalzar o municipio de Rois e as súas festas patronais. O cartel deberá ter formato A3 vertical (29.7×42 cm). No deseño deberá figurar, de forma visible e destacada, a inscrición en galego: Festas de S. Isidro Labrador 2023.

Os traballos poderán presentarse de xeito telemático no enderezo inscrición@rois.gal. Tamén poderán entregarse de xeito presencial no Concello ou por correo postal ao enderezo da casa consistorial (lugar de Samil 1, Oín, CP 15911 Rois). No caso de que a proposta se entregue presencialmente deberá presentarse centrada e montada sobre un cartón pluma de 32×44 cm. En calquera dos casos, as persoas participantes tamén deberán remitir a folla de inscrición debidamente cumprimentada e unha fotocopia do seu DNI, NIE ou pasaporte.

O xurado valorará a calidade artística, a idoneidade do cartel e a expresividade da festa patronal e poderá declarar deserto o premio. A entrega do galardón encadrarase no programa de festas patronais aínda que o Concello convocará á persoa cuxo traballo resulte gañador con antelación a este acto.

Descarga as bases e a folla de inscrición nos documentos adxuntos.