Novos traballadores do Concello de Rois: Alexandre Blanco, técnico de turismo; Maruxa Ledo (centro), técnica de igualdade, e Alba Pais, traballadora social

O Concello de Rois acaba de reforzar o seu cadro de persoal e incorpora por primeira vez a unha técnica de igualdade e a un técnico de turismo, e reforza o departamento de Servizos Sociais cunha nova traballadora social. Nos tres casos, as contratacións manteranse ata decembro cunha subvención da Deputación da Coruña.

O equipo de goberno de Rois decidiu darlle un pulo importante ao plan de igualdade, que se aprobou este ano en pleno, e á promoción turística do municipio, motivo polo que profesionais destas dúas áreas están xa traballando.

“Rois ten un gran potencial turístico, que quero poñer en valor incentivando o patrimonio natural, cultural e etnográfico”, explica Alexandre Blanco Roo, que vai compaxinar o seu traballo entre os concellos de Rois, Dodro e Lousame. Os principais obxectivos que se propón desenvolver este mozo son os de “crear rutas guiadas, potenciar as que xa están sinalizadas e fomentar e incentivar a educación ambiental” para que a veciñanza do municipios e doutros lugares poidan descubrir todos os atractivos que ofrece o municipio.

“A xente agora busca saída da cidade e coñecer a contorna que ten máis preto”, sinala Alex Blanco. “En Rois temos dúas rutas de sendeirismo sinalizadas”, e estase a traballar noutra conxunta cos municipios de Padrón e Dodro para promocionar os Fondóns que Rosalía de Castro recolleu nun dos seus libros.

A intención do novo técnico de turismo é potenciar estas rutas e dar a coñecer o legado etnográfico dos devanceiros. “Hai obras dos Santeiros de Chave, como o cruceiro do Desencravo de Urdilde, e contamos tamén en Rois coa primeira fábrica de papel de Galicia no pazo do Faramello”, sinala Alex Blanco, que recorda que Lousame conta tamén cunha ruta das fábricas de papel, que ven a dar unha idea do potencial fabril da comarca. Dar a coñecer este legado é outro dos obxectivos que se propón o primeiro técnico de turismo de Rois.

Fomentar a igualdade de oportunidades

O pasado marzo, a Corporación de Rois aprobaba o segundo Plan de Igualdade, e dende este verán incorporouse ao concello Maruxa Ledo como técnica de igualdade para reforzar o desenvolvemento deste plan e, entre outras funcións, “fomentar o empoderamento das mulleres e por en marcha accións de corresponsabilidade que sirvan para equiparar o traballo de mulleres”.

Desenvolver accións de apoio, sensibilización e asesoramento, tanto internas no concello como de cara a toda a veciñanza “para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres” son outros dos obxectivos de Maruxa Ledo.

Nun campo transversal como é o da igualdade, que ten cabida e debe estar presente en todas as accións da vida diaria, a primeira técnica de igualdade de Rois quere tamén “contribuír a incorporar a perspectiva de xénero no día a día do funcionamento do concello e de toda a veciñanza”, indica Maruxa Ledo. Todo isto sen esquecerse de informar e asesorar as veciñas e veciños de Rois sobre “as iniciativas que teñan as administracións públicas para acadar a igualdade de oportunidades.

Ademais das incorporacións de Maruxa Ledo e Alex Blanco, o Concello de Rois contratou tamén á traballadora social Alba Pais para reforzar o Departamento de Servizos Sociais.