O Concello de Rois está a preparar unha celebración moi especial para conmemorar o 15º aniversario do edificio multiúsos, un espazo que se converteu nun punto de referencia na vida da comunidade local. A festividade terá lugar o vindeiro venres, 20 de outubro. Comezará ás 18.00 horas no propio edificio multiúsos coa proxección dun vídeo documental e coa inauguración dunha exposición e rematará ás 19.00 horas cunha festa holi no campo da festa de Rois.
O programa inclúe a proxección no auditorio do edificio multiúsos dun vídeo do Roteiro da memoria pertencente ao proxecto Cóntame un mundo, levado a cabo no verán coas narradoras Raquel Queizás e Alba de Vales. A gravación é o resultado dun esforzo por recuperar e dar a coñecer a rica tradición oral do municipio. A través de xuntanzas interxeneracionais, contacontos e dun roteiro da memoria en Urdilde, as persoas participantes lograron preservar un valioso patrimonio cultural que agora dan a coñecer coa difusión deste vídeo.
Na planta baixa do edificio multiúsos inaugurarase a exposición 15 anos cheos de vida. Esta mostra presentará fotos e carteis que documentan algunhas das innumerables actividades que tiveron lugar no edificio multiúsos ao longo dos últimos 15 anos, dende a súa apertura o 18 de outubro de 2008. A exposición estará aberta ao público durante unha semana, ofrecendo a todos a oportunidade de revivir momentos especiais e de compartir as memorias destes anos.
Para pechar a celebración, e se as condicións meteorolóxicas o permiten, o campo da festa de Rois acollerá a partir das 19.00 horas unha divertida Festa Holi. Esta tradición, adaptada da cultura hindú, implica o lanzamento de po de cores, creando un espectáculo visual cheo de cor e alegría.