O Concello de Rois aprobou no Pleno extraordinario deste xoves os orzamentos para 2025, os máis elevados da historia do municipio, que ascenden a 5,4 millóns de euros. Na sesión tamén se aprobou o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+, que ascende a 937.000 euros, entre eles 429.000 para gasto corrente, 221.000 para obras e 327.000 euros para o plan complementario.
Os orzamentos do Concello para 2025 son os máis elevados que aprobou a Corporación de Rois, e nesta ocasión contaron cos votos a favor do equipo de goberno do PP (8), a abstención do PSdeG (2) e o voto en contra do BNG (1).
Rois terá este ano 5,43 millóns de euros de orzamento. A maior partida resérvase para pagar bens correntes e os servizos que se lle prestan á cidadanía. Respecto ao orzamento do ano pasado, este capítulo increméntase ata os 3,36 millóns debido, fundamentalmente, ao aumento do canon do servizo de recollida do lixo e á posta en funcionamento do Punto de Atención á Infancia (PAI) de Urdilde e do Centro de Atención Temperá. Os gastos de persoal ascenden a 1,23 millóns de euros.
O plan de investimentos para este ano conta con 525.679 euros. Aínda que están incluídas as partidas para o acondicionamento do local para o centro de atención temperá e as aportacións para as obras do POS+, esta partida é inferior á do pasado exercicio porque en 2024 remataron as obras do PAI e da depuradora de Urdilde e o acondicionamento da piscina municipal de Senra.
No apartado de ingresos, a maior partida corresponde ás transferencias correntes que proceden doutras administracións, que supoñen 2,9 millóns de euros. Este capítulo increméntase respecto de 2024 debido á participación nos tributos do Estado e ás subvencións da Xunta para financiar o PAI de Urdilde e o Centro de Atención Temperá. Os impostos directos representarán 997.000 euros e os impostos indirectos, outros 620.000. As transferencias de capital suporán outros 337.000 euros de ingresos e as taxas, 574.000.
A preguntas do PSdeG, Ramón Tojo explicou que o Concello vai acondicionar un baixo preto da casa consistorial para establecer alí o Centro de Atención Temperá, que atenderá a menores de 0 a 6 anos dos municipios de Rois, Padrón, Dodro, Pontecesures e Valga que teñan trastorno do desenvolvemento ou que estean en risco de padecelos. Tojo engadiu que os cinco concellos asinaron un convenio para poñer en marcha o centro, que xestionará Rois, e que contará cunha subvención da Xunta.
Plan de Obras e Servizos
Na sesión de onte tamén se aprobou o Plan de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña, que ascende a 978.273 euros contando as obras do plan complementario.
O Concello de Rois reserva 429.878 euros para gastos correntes e 221.179 para a execución de tres proxectos de obras. En concreto, o afirmado e o acondicionamento dos viarios que van dende a DP-7401 ata a igrexa de Herbogo; dende a pista do límite municipal con Brión a Francelos; e dende Cernán ata Vilariño.
Dentro do Plan complementario deste ano 2025, Rois inclúe outros tres proxectos de obras por un importe total de 327.216 euros. Nestas obras figuran o acondicionamento e a humanización da praza de Oín e a súa contorna, e os afirmados e acondicionamentos da pista que vai da DP-7402 ata Albagueira e de varias estradas en Oín.
Este punto foi aprobado cos votos a favor de PP e de BNG e coa abstención do PSdeG.
