12-6-2026

Faise público o resultado definitivo do proceso de adxudicación de prazas do Campamento de Verán Infantil e Xuvenil 2026, que se desenvolverá en Valdoviño do 5 ao 11 de xullo.

Inicialmente presentáronse 39 solicitudes para as 30 prazas ofertadas, polo que foi necesario realizar un sorteo público o xoves 11 de xuño. Porén, tras as xestións realizadas polo Concello de Rois coa empresa organizadora, foi posible ampliar a capacidade do campamento ata as 38 prazas, permitindo a incorporación de oito participantes máis.

Deste xeito, das 39 solicitudes rexistradas, 38 menores obtiveron praza e unha persoa permanece en lista de agarda, que se empregará para cubrir posibles baixas seguindo a orde establecida no sorteo.

O resultado definitivo da adxudicación de prazas pode consultarse no arquivo adxunto.

Noticia publicada o 28-5-2026 e actualizada o 10-6-2026. Criterios de adxudicación de prazas

O Concello de Rois organiza unha nova edición do Campamento de Verán Infantil e Xuvenil 2026, unha proposta dirixida a rapaces e rapazas nados entre os anos 2009 e 2018, que este ano incorpora importantes novidades tanto na programación como no lugar de celebración. O programa desenvolverase do 5 ao 11 de xullo no albergue Casa de Lago, no concello de Valdoviño, unha nova localización que permitirá aos participantes gozar dun entorno natural privilexiado e dunha experiencia completa de convivencia e lecer educativo.

Nesta edición incorpórase unha programación específica arredor do mundo da mitoloxía e da astronomía, con actividades deseñadas para combinar diversión, aprendizaxe e contacto coa natureza. O campamento incluirá obradoiros, xogos de animación, sendeirismo, veladas, actividades na natureza, praia e piscina, apostando especialmente polas dinámicas ao aire libre e pola educación en valores.

O campamento contará cun máximo de 30 prazas e incluirá pensión completa e aloxamento, ademais de coordinación, monitorado especializado, material para as actividades e seguro de responsabilidade civil.

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende hoxe, 28 de maio, ata o 10 de xuño. No caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público o 11 de xuño ás 12.00 horas no salón de plenos municipal.

Axudas á rapazada empadroada

O prezo da actividade será de 400 euros por participante.

O 8 de xuño, o Concello de Rois publicou as bases do Bono Concilia Familia, un programa municipal de axudas de ata 150 euros por menor para familias empadroadas no municipio, co obxectivo de facilitar o acceso a este campamento e a outras actividades socioculturais puntuais. Desta maneira, as familias beneficiarias co Bono Concilia Familia asumirán un custo final de 250 euros pola participación no Campamento de verán en Valdoviño.

Tamén se contemplan bonificacións adicionais do 15 % no importe da matrícula para o segundo irmán ou irmá inscrito/a, así como para familias numerosas, monoparentais ou con algún membro cunha discapacidade recoñecida superior ao 33 %.

Esta iniciativa busca ofrecer unha experiencia diferente, educativa e enriquecedora, na que a mocidade poida convivir, aprender e gozar da natureza nun entorno seguro e dinámico durante o verán.

Os formularios estarán dispoñibles nesta mesma páxina web do Concello de Rois premendo neste enlace.

Criterios de adxudicación de prazas

Se o número de solicitudes supera a oferta de prazas neste campamento, aplicaranse os seguintes criterios para determinar a adxudicación de prazas:

Prioridade 1: menores empadroados/as no Concello de Rois.

Prioridade 2: menores non empadroados/as que estean matriculados/as nun centro educativo de Rois, ou que seu pai/nai/titor/a traballe no municipio, así como o resto de situacións non incluídas no grupo anterior.

Os irmáns e irmás inscritos no campamento participarán cunha única papeleta no sorteo.

Se as solicitudes superan as prazas ofertadas, a adxudicación realizarase mediante respectando as prioridades mencionadas anteriormente.

De efectuarse o sorteo, tamén se establecerá unha lista de agarda en cada unha das categorías.

O sorteo celebrarase o xoves, 11 de xuño, ás 12.00 horas, no salón de Plenos da casa consistorial.

En caso de celebrarse, o resultado deste sorteo e as listas de agarda publicaranse o venres, 12 de xuño no taboleiro municipal e na web do Concello de Rois.

Por outra banda, as 30 prazas iniciais poderían ampliarse se a empresa organizadora autoriza o incremento da capacidade. Neste caso, o sorteo só sería necesario se o número de solicitudes supera tamén ese novo límite máximo.

A información detallada sobre o procedemento de adxudicación de prazas pode consultarse no arquivo adxunto a esta nova e no Concello de Rois.