O Concello de Rois vén de abrir unha conta bancaria para colaborar con Manuel Rodríguez Castro que esta fin de semana vía como lle morrían 9 vacas na corte polo que parece unha intoxicación con estramonio. As persoas que desexen colaborar con este veciño da aldea de Quintáns (parroquia de Urdilde), para que poida comprar novas reses, poden ingresar os seus donativos na conta de Abanca ES49 2080 0328 9031 1000 0042.
O alcalde, Ramón Tojo, está en contacto cos técnicos da Consellería de Medio Rural para coñecer a orixe da intoxicación e buscar fórmulas para axudar a este veciño, que perdeu a metade das cabezas de gando. Ramón Tojo adiantou que lle vai propoñer aos concelleiros de Rois doar as dietas do vindeiro pleno para colaborar con Manuel Rodríguez.
Á espera de que se confirme a valoración do veterinario que examinou aos animais, todo parece indicar que as vacas mortas intoxicáronse comendo estramonio. Trátase dunha planta herbácea-arbustiva orixinaria de América introducida en Europa nos séculos XV e XVI. Tamén é coñecida como herba hedionda (polo seu desagradable cheiro e sabor) mazá espiñenta, figueira do inferno, matatoupas, berenxena do diaño ou chamizo (en Sudamérica). O estramonio pódese atopar en zonas baldías ou pouco cultivadas como barbeitos, bordos de camiños ou contaminando algúns cultivos como o millo.