O Concello de Rois pon en marcha unha nova edición do Diververán, unha iniciativa consolidada que ofrece unha alternativa de lecer educativo durante as vacacións de verán, pensada para facilitar a organización diaria das familias.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre este luns 20 de abril e o 14 de maio para un programa dirixido a rapazada desde 4º de educación infantil en diante, que terá lugar nos centros educativos de Rois e Urdilde.
A programación abrangue todo o período non lectivo estival, estruturada en seis quendas: do 22 ao 30 de xuño; do 1 ao 15 de xullo; do 16 ao 31 de xullo; do 3 ao 14 de agosto; do 17 ao 31 de agosto; e do 1 ao 8 de setembro . As sesións desenvolveranse en horario de mañá, entre as 9.30 e as 14.30 horas, cun servizo previo de acollida desde as 7.30 horas para dar resposta ás necesidades laborais das familias .
Ao longo das distintas quendas, a rapazada poderá participar en múltiples actividades adaptadas á súa idade, combinando xogos, propostas deportivas, talleres creativos e dinámicas participativas, priorizando sempre o desenvolvemento persoal e a convivencia.
No relativo ás tarifas, estas varían en función do número de períodos seleccionados e da utilización do servizo de atención temperá, ofrecendo condicións máis vantaxosas para quen se anote en varias quendas. Ademais, existe a opción de uso puntual deste servizo por días soltos cun custo de 2 euros por xornada.
Tamén se contemplan reducións do 15% no importe total para segundos irmáns ou irmás, así como para unidades familiares numerosas, monoparentais ou con membros cun grao de discapacidade superior ao 33% .
| INSCRICIÓN NUNHA ÚNICA QUENDA | SEN AMENCER | CON AMENCER |
| 1ª quenda: do 22 ao 30 de xuño | 42,00€ | 45,50€ |
| 2ª quenda: do 1 ao 15 de xullo | 66,00€ | 71,50€ |
| 3ª quenda: do 16 ao 31 de xullo | 72,00€ | 78,00€ |
| 4ª quenda: do 3 ao 14 de agosto | 60,00€ | 65,00€ |
| 5ª quenda: do 17 ao 31 de agosto | 66,00€ | 71,50€ |
| 6ª quenda: do 1 ao 8 de setembro | 36,00€ | 38,50€ |
| INSCRICIÓN EN 2 OU MÁIS QUENDAS | SEN AMENCER | CON AMENCER |
| 1ª quenda: do 22 ao 30 de xuño | 35,00€ | 38,50€ |
| 2ª quenda: do 1 ao 15 de xullo | 55,00€ | 60,50€ |
| 3ª quenda: do 16 ao 31 de xullo | 60,00€ | 66,00€ |
| 4ª quenda: do 3 ao 14 de agosto | 50,00€ | 55,00€ |
| 5ª quenda: do 17 ao 31 de agosto | 55,00€ | 60,50€ |
| 6ª quenda: do 1 ao 8 de setembro | 30,00€ | 32,50€ |
A solicitude de matrícula realizarase cubrindo o formulario dispoñible na páxina web do Concello de Rois (www.rois.gal) no apartado Xestións e trámites ou tamén pode descargarse nesta ligazón. O prazo estará aberto ata o xoves 14 de maio.
No caso de superar o número de prazas dispoñibles, aplicarase un sistema de prioridade que terá en conta aspectos como o empadroamento no municipio, a escolarización en centros locais ou a vinculación laboral ou familiar con Rois.
Con esta proposta, o Concello continúa reforzando as súas políticas de apoio á conciliación e á atención á infancia durante os períodos sen actividade lectiva.

















