O Concello de Rois abre o prazo de inscrición para a programación municipal de actividades correspondente ao curso 2026-2027, unha oferta que reúne máis de trinta propostas deportivas, socioculturais, musicais e de conciliación dirixidas tanto á infancia e á mocidade como ás persoas adultas. O obxectivo é seguir promovendo hábitos de vida saudables, a formación continua e a participación da veciñanza na vida social e cultural do municipio.

As inscricións permanecerán abertas ata o 28 de agosto e deberán realizarse a través dos formularios habilitados na páxina web municipal: www.rois.gal ou premendo no seguinte enlace. As listaxes provisionais das actividades publicaranse o 4 de setembro, o prazo de reclamacións e segunda matrícula desenvolverase entre o 7 e o 11 de setembro, as listaxes definitivas daranse a coñecer o 21 de setembro e as clases comezarán o 1 de outubro. O período de proba e tramitación de baixas prolongarase ata o 16 de outubro.

Máis propostas para a cativada

A programación infantil amplíase este curso coa incorporación de tres novas actividades: zumba júnior, dirixida á mocidade de entre 13 e 17 anos; ciencia divertida, para espertar o interese pola experimentación entre a rapazada a partir de 4 anos; e robótica educativa, destinada a nenos e nenas de entre 7 e 10 anos.

Estas novidades súmanse á ampla oferta de escolas deportivas municipais, que inclúe atletismo, zumba kids, judo, patinaxe artística, tenis, ximnasia rítmica, xadrez e cursos de natación na piscina de Brión, estes últimos xestionados polas ANPAs. As actividades desenvolveranse tanto en Rois como en Urdilde, achegando a práctica deportiva e o lecer educativo a diferentes puntos do municipio.

No ámbito sociocultural, a rapazada poderá participar tamén no multiobradoiro de arte e creatividade, teatro co grupo municipal Vacalouras, informática e mecanografía, cociña creativa, contacontos en familia e na Escola de Música de Rois, que ofrece música e movemento, clases individuais de instrumento, agrupacións instrumentais, coro e orquestra de cordas.

Conciliación para as familias

A programación inclúe tamén os servizos municipais de amencer e ludoteca, que comezarán o 9 de setembro nos centros educativos de Rois e Urdilde, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ao longo do curso escolar.

Ademais dos horarios flexibles, establécense bonificacións para familias numerosas, monoparentais, con persoas con discapacidade e para quen formalice a matrícula anual ou inscriba máis dun irmán ou irmá. Os prezos oscilan entre os 12 e os 30 euros mensuais en funcion da modalidade elixida, sen ter en conta posibles descontos.

Unha ampla oferta para as persoas adultas

As persoas adultas disporán dunha programación que inclúe baile en parella, ioga, pilates, zumba, ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos e o ximnasio municipal, ademais de propostas culturais como o multiobradoiro de arte e creatividade, o teatro, o club de lectura, os talleres de memoria para maiores de 50 anos, o curso de encaixe de palillos e vainicas, a recuperación da música tradicional coa pandeireta, a Escola de Música e as actividades de Chorima.

As persoas interesadas poden consultar os horarios, prezos, descontos e formularios de inscrición en www.rois.gal ou solicitar máis información no edificio multiúsos de Rois, no teléfono 981 816 061 ou no correo electrónico inscricions@rois.gal.

O Concello de Rois lembra que a realización das distintas actividades dependerá da demanda existente e do cumprimento dos requisitos mínimos de participación, polo que os grupos poderán reorganizarse ou modificarse en función do número de persoas inscritas.