O Concello de Rois ofrécelle as familias con menores escolarizados nos centros do municipio un servizo de ludoteca para facilitar a conciliación. As persoas interesadas deberán inscribirse ata o 9 de setembro na plataforma habilitada para elo, a que se pode acceder a través de este enlace.

O servizo de ludoteca estará dispoñible de luns a venres ao rematar a xornada escolar. No caso do CPPI Os Dices-Rois o horario será de 14.40 a 16.40 horas, e no CEIPP O Pumar-Urdilde de 15.30 a 17.30 horas.

Os prezos do servizo varían en función do número de horas que se utilice o servizo e varían entre 12 euros mensuais polo servizo de 1 hora un só día a semana, ata 30 euros mensuais por acudir á ludoteca 2 horas diarias todos os días. As tarifas pódense consultar na páxina web municipal.

Tamén se contempla a posibilidade de que os menores que acoden á ludoteca en Rois sexan trasladados ata polideportivo ou escola de música para participar nas actividades que comezan ás 16.00 horas. 

A ordenanza reguladora do prezo público polos servizos deportivos, socioculturais e de conciliación aprobada provisionalmente no pleno do 7 de agosto pasado establece as contías que se aplicarán neste programa. Tamén establece diferentes bonificacións, como a dun 5% se se fai o pagamento do curso completo, un 15% sobre o prezo total no caso de que se matricule un segundo irmán ou irmá, ou dun 15% no total da matrícula no caso de familias numerosas, monoparentais ou con algún membro con discapacidade recoñecida de máis do 33%.Os prezos e descontos poden consultarse na seguinte imaxe ou no documento adxunto.