O Concello de Rois vén de abrir o prazo de inscrición para participar no Diververán 2023, ao obxecto de fomentar a conciliación laboral e familiar durante as vacacións escolares de verán. O programa vai dirixido ás familias con nenas e nenos escolarizados a partir de 4º de Educación Infantil, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio. Nesta ocasión, o Concello establece seis quendas que se desenvolverán do 22 de xuño ata o 8 de setembro (ámbolos dous días incluídos) de tal xeito que se cubre todo o período vacacional dos nenos e das nenas.

Ao igual que xa se fixera na edición do pasado ano, a reserva de praza confirmarase unha vez entregado o formulario de inscrición (que se pode cubrir neste enlace, preme aquí) e remitido o xustificante de pagamento ao enderezo electrónico inscricions@rois.gal. A data límite para realizar a inscrición e o pagamento rematará o 24 de maio.

As persoas non empadroadas deberán agardar á confirmación de praza para realizar o pagamento.

As actividades realizaranse tanto en Rois como en Urdilde dende as 9.30 horas ata as 14.30 horas, aínda que para aquelas familias que o precisen o programa ofrece un servizo de amencer de 7.30 a 9.30 horas. O prezo deste servizo de amencer será de 5 € por quenda.

As taxas aprobadas este ano contemplan un prezo de 60 euros para cada unha das catro quendas de xullo e agosto, de quince días cada unha (100 € pola matrícula de todo o mes). A quenda de xuño, do 22 ao 30 dese mes, o prezo é de 40 euros, e para a última quenda, a de setembro (do 1 ao 8) o prezo estipulado é de 35 euros. Haberá descontos do 25% para o segundo irmá ou irmán, familias numerosas e monoparentais. E, no caso de anotarse ao programa completo, é dicir as seis quendas, o prezo será de 300 euros. Estas bonificacións non son acumulables.

As seis quendas terán lugar de luns a venres e desenvolveranse nas seguintes datas:  A 1ª será do 22 ao 30 de maio; a 2º quenda do 3 ao 14 de xullo; do 17 ao 31 de xullo terá lugar a 3ª quenda; do 1 ao 14 de agosto (4ª), do 16 ao 31 de agosto (5ª) e a 6ª quenda terá lugar do 1 ao 8 de setembro.

O pago da cota correspondente deberá facerse na conta que o Concello de Rois ten habilitada en ABANCA: ES64 2080 0328 9631 1000 0060. Á hora de facer o abono, as familias deberán especificar o seguinte concepto: Diververán + nome e apelidos do menor ou menores.

Para desenvolver o Diververán 2023, o Concello de Rois conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e do programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade.