O Concello de Rois participará desde este venres, 15 de maio, nunha nova edición da campaña Merca no teu Comercio, unha iniciativa orientada a impulsar o consumo nos pequenos establecementos e a poñer en valor o papel do comercio de proximidade na vida diaria dos municipios.
A campaña desenvolverase ata o 30 de maio e levarase a cabo conxuntamente cos concellos de Padrón e Dodro. A iniciativa está promovida pola Federación de Comercio da Coruña, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia dentro dun programa que chegará este ano a máis dun cento de localidades galegas.
A través desta actuación búscase dinamizar a actividade comercial nos municipios rurais, favorecer as compras nos negocios locais e contribuír ao mantemento dun sector clave para a economía e a cohesión social do territorio.
As persoas que realicen compras nos establecementos retallistas de Rois durante as datas da campaña poderán participar no sorteo rexistrando os seus tíckets na plataforma web mercanoteucomercio.com. O proceso poderá realizarse desde móbil, ordenador ou tableta, e os propios comerciantes tamén terán a posibilidade de introducir directamente as compras dos seus clientes, permitindo así duplicar as opcións de premio.
Entre as persoas participantes da campaña correspondente a Rois, Padrón e Dodro sortearanse un total de 20 tarxetas prepago de 50 euros, ata completar 1.000 euros en premios. Estas tarxetas deberán empregarse posteriormente nos comercios de proximidade das localidades participantes, favorecendo así que o investimento reverta novamente no tecido comercial local.
O sorteo realizarase o día 1 de xuño e a entrega dos premios terá lugar o mércores 10 de xuño na Praza de Macías de Padrón.
Desde o Concello de Rois destacan a importancia de apoiar o comercio de proximidade, fundamental para manter vivos os servizos, o emprego e a actividade económica nos núcleos rurais.

















