O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, visitan á mocidade participante no campo de voluntariado internacional do Castro Lupario

Ao redor de medio cento de fragmentos de cerámica, datados entre a época castrexa e a Alta Idade Media, e un brochiño de bronce foron recuperados nestes días no Castro Lupario polas trece persoas mozas que participan no campo de voluntariado internacional que se está a desenvolver no xacemento dende o pasado 5 de agosto.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Caampo, achegáronse ata alí esta mañá para coñecer de primeira man os traballos que se están levando a cabo no Castro Lupario, así como a experiencia das trece persoas mozas que participan no campo e que proceden de distintos puntos de Galicia, doutras comunidades españolas e tamén de Francia e de Italia.

Son mozos e mozas de entre 18 e 26 anos que estudan e traballan en campos tan diferentes como a sanidade ou as renovables, aínda que nesta edición, a diferenza das anteriores, moitos deles están tamén vencellados á historia e á arqueoloxía. Respondendo a este interese, e tendo en conta que non están habilitados para facer escavacións, o campo permítelles aproximarse ás sondaxes arqueolóxicas e á arqueoloxía experimental xunto a dous arqueólogos e unha restauradora.

Ademais de limpar a muralla do castro para que os visitantes poidan circundala, nestes días o voluntariado ten a ocasión de debuxar os petróglifos próximos ao castro, facer peches de cana e barro ou experimentar con pigmentos de cor extraídos directamente da natureza.

O roisense Martín Rivas, director da intervención arqueolóxica,  apunta á divulgación patrimonial como principal obxectivo da iniciativa. Por primeira vez, sinala, as pequenas sondaxes arqueolóxicas que se están realizando quedarán documentadas con informes. Neles recollerase o achado dunha cincuentena de fragmentos de cerámica e un pequeno broche de bronce, pertencentes ao período que abrangue dende a época castrexa á altomedieval, que contribúen a dilucidar o tempo no que o castro estivo habitado.

Martín Rivas incide no gran potencial do Castro Lupario por estar localizado a carón do Camiño de Santiago e o seu carácter lendario como lugar de residencia da raíña Lupa, un carácter que refrenda a bibliografía medieval en obras como o Códice Calixtino. 

Coñecer a contorna e o seu patrimonio

O campo estenderase ata o vindeiro mércores 14 de agosto, combinando tamén excursións para coñecer a contorna e actividades lúdicas e culturais. Esta mesma noite, o Xardín do Recordo no Faramello acollerá unha festa intercultural na que voluntariado e todas aquelas persoas que o desexen poderán desfrutar dunha queimada teatralizada.

Mozas e mozos puideron gozar xa da praia fluvial de Seira e do mercadiño de Padrón e aproveitarán a fin de semana para visitar Santiago e achegarse a outros castros, como o de Neixón, en Ribeira; o da Cidá, en Ribeira; ou o de Baroña. O programa do campo, dirixido por Pilar Lago, complétase con chapuzóns na piscina, actividades de aventura como caiac, tiro con arco ou láser tag, ou veladas nocturnas con xogos e xincanas.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu o labor dos voluntarios e agasallou a cada un deles cunha medalla do Concello, recordando que un bo número de participantes de pasadas edicións do campo seguen mantendo os vínculos co municipio, ademais de exercer como  embaixadores do seu patrimonio cultural e natural. Apoiou a entrega das medallas o concelleiro de Deportes, José Luis Ares.