20180919 RecepcionConcello

  • Un concerto no pazo do Faramello puxo onte o colofón a dúas semanas de convivencia cultural e musical

  • “Esta experiencia axúdame a medrar como músico e como persoa” afirmou Hyblo Veca na recepción de hoxe no Concello

  • O alcalde está decidido a manter esta iniciativa, que axuda á formación da mocidade de Rois

20180918 Concerto Faramello

“Encantoume Galicia e a súa xente. Esta experiencia axúdame a medrar como músico e como persoa. Agardámosvos cos brazos abertos en Venecia para repetir este intercambio. A miña casa é a vosa casa”. Deste xeito resumía Hyblo Veca, un dos mozos italianos que leva dende o venres en Rois, os sentimentos de moitos dos participantes na primeira convivencia entre alumnado da Escola Municipal de Música de Rois, da Escola Comprensiva Franca Ongaro e do Liceo Musical de Venecia.

Un intercambio musical e cultural durante o cal alumnado de Rois e de Venecia compartiron dúas semanas de convivencia (a primeira en maio en Italia e a segunda estes días en Galicia), e que o alcalde de Rois, Ramón Tojo, está disposto a repetir, porque “estas iniciativas axudan a mellorar a formación dos nosos mozos e mozas e tamén a sentirnos membros dun proxecto común que se chama Europa”.

Cunha recepción no Concello de Rois remataban os días de estancia da comitiva italiana en Galicia. Laura Cazzin agradeceu a acollida e o trato que recibiron tanto dos representantes municipais como das familias galegas que participaron neste intercambio. Como regalo, cada un dos 25 alumnos e dos 6 mestres levan de recordo un disco con música tradicional galega e un escudo do concello. O alcalde regaloulle aos centros venecianos dúas ilustracións do pazo de Antequeira e un cadro co escudo do concello para o director Vittore Pecchini, un dos facilitadores desta iniciativa.

Despois de visitar a Escola Municipal de Música e o auditorio do Multiusos, a comitiva italiana regresou a Venecia en avión. Como agasallo para agradecer a acollida, tras o concerto do martes, entregáronlle ao alcalde de Rois varios libros de receitas italianas (“nós tamén comemos moito bacallau, pero cociñámolo doutro xeito”, lle dixo a profesora italiana Alessandra Trentin ao alcalde); un disco de música de Verdi e unha copa feita con cristal de Murano, o cristal máis famoso de Venecia.

O concerto de despedida celebrouse o martes pola tarde no pazo do Faramello. Un colofón musical ao primeiro intercambio que promove e financia o Concello de Rois. Na actuación, interviñeron como solistas diferentes alumnos venecianos, para rematar coa Orchestrale Scuola Media e Liceo Musicale, que interpretaron diferentes pezas, entre elas o banda sonora de ‘Os sete Magníficos’ e ‘Misión imposible’. Ante numeroso público, tamén interviu o alumnado da Escola Municipal de Música de Rois, dirixidos por Manuel Villar e Esperanza Mara Filgueira. Primeiro o coro, interpretando ‘Doodi Lee’ e ‘Esta noite’ e, despois, a orquestra, interpretando ‘Quen poidera namorala’ e ‘Imagine’. Entre os asistentes atópabase o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso.

E tras o concerto, familiares, alumnado e profresorado participaron nunha cea intercultural, servida no propio pazo do Faramello, na que os asistentes puideron degustar produtos típicos galegos e italianos. A cea estivo amenizada por un grupo do Obradoiro de Cultura Tradiconal Chorima, que tocou diferentes pezas de música tradicional galega, que os italianos se animaron a bailar.

De Galicia, a comitiva italiana leva unha “excelente impresión”, tanto da cultura, como da xente e da paisaxe. Na súa estadía os venecianos visitaron Santiago de Compostela, A Coruña, Corrubedo, e tamén a comarca do Sar.

Agora, segundo manifestaron tanto o alcalde de Rois como Alessandra Trentin, quedan as portas abertas para continuar coñecéndose e repetir o intercambio. “Para nós e algo moi importante poderlle ofrecer á xuventude de Rois e ao alumnado da Escola Municipal de Música a oportunidade de seguir ampliando coñecementos e descubrir outras culturas e forma de estudar música”, explicou o alcalde Ramón Tojo, quen espera “poder seguir contando coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude para repetir esta experiencia”.

Album de fotos do concerto e da recepción de hoxe no Facebook do Concello (preme neste enlace)

 20190918 Publico Concerto