A Escola Municipal de Música de Rois regresou esta fin de semana de Asturias tras participar nun novo intercambio musical coa Escola de Música El Ablanu de Piloña, unha experiencia que combinou formación musical e convivencia e que permitiu fortalecer os vínculos entre ambas as comunidades.

A expedición roisense estivo integrada por once alumnos e alumnas, tres profesoras, o director da ESMU, Manuel Villar, a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e a xestora cultural Anayansi Singh. A iniciativa enmárcase na aposta do Concello de Rois por promover intercambios que complementen a formación musical do alumnado e favorezan o contacto con outras realidades culturais.

A viaxe comezou o xoves 11 de xuño coa recepción por parte do alumnado, profesorado e familias da Escola de Música El Ablanu. Durante a primeira xornada, a comitiva puido coñecer a contorna de Infiesto e visitar espazos de especial interese como o santuario da Virxe da Cova e o museo Los 13 del Sidrón, nun primeiro achegamento á historia e á identidade do territorio asturiano.

A segunda xornada estivo marcada pola celebración do tradicional descenso do Sella, unha das actividades máis agardadas polo grupo e que contribuíu a reforzar a convivencia e o compañeirismo entre os participantes. Xa pola tarde, a música converteuse na gran protagonista coa celebración do concerto conxunto entre a Agrupación Instrumental da ESMU de Rois e os 35 músicos da Asociación Piloñesa Musical La Fuente.

Antes da actuación, a delegación roisense foi recibida por Iván Allende, alcalde de Piloña; pola directora da Escola de Música El Ablanu, Patricia Miriam Martínez Iglesias, e polo presidente da asociación musical local, Miguel de la Cueva, cos que se realizou un intercambio de agasallos institucionais.

O intercambio coincidiu ademais coa celebración das festas de Santo Antonio en Infiesto, permitíndolle ao grupo participar activamente nunha das citas máis importantes do calendario festivo local. O sábado, a programación incluíu visitas a Covadonga e Cangas de Onís, mentres que pola tarde o alumnado participou nun xantar popular, actividades musicais, un bingo musical e diferentes propostas lúdicas.

A repercusión da visita chegou mesmo aos medios de comunicación asturianos. A televisión pública do Principado entrevistou ao guitarrista da agrupación Víctor Abascal, durante a celebración das festas de Santo Antonio, dando visibilidade ao intercambio e ao traballo desenvolvido pola escola roisense.

A viaxe rematou cun encontro moi especial coa figura do artista asturiano Rodrigo Cuevas, quen compartiu un momento co grupo durante a cea do sábado e tivo palabras de recoñecemento para o traballo realizado polo alumnado e profesorado da escola.

Xornada de regreso con actuación sorpresa

Xa de regreso a Galicia, a expedición realizou unha parada en Oviedo antes de continuar viaxe cara a Rois. Foi nese momento cando xurdiu unha das anécdotas máis especiais da fin de semana. A petición do propio alumnado, que amosou o seu interese por volver tocar, organizouse en poucas horas unha actuación na Praza da Catedral de Mondoñedo.

Desde o Concello de Rois quérese agradecer expresamente a rápida disposición e a excelente colaboración do Concello de Mondoñedo, especialmente do alcalde da localidade, Manuel Ángel Otero, e da concelleira María Patricia Otero Doural, así como da asociación organizadora das festas, por facilitar a celebración dun concerto espontáneo que foi recibido con grande entusiasmo polo público presente.

A Escola Municipal de Música de Rois tamén quere agradecer a hospitalidade recibida durante toda a estancia en Asturias, especialmente ao Concello de Piloña, á directora da Escola de Música El Ablanu, Patricia Miriam Martínez Iglesias, á asociación musical local, ás familias participantes e á veciñanza de Infiesto pola súa magnífica acollida.

Do mesmo xeito, faise extensivo o agradecemento aos responsables da Posada de Barro, da sidrería Los Caños e do Hotel Piloñés pola súa atención e colaboración durante toda a actividade.

Este intercambio en Asturias súmase aos xa realizados pola Escola Municipal de Música de Rois en destinos como Venecia, Hungría, Letonia ou Portugal, consolidando unha liña de traballo que converte a música nunha ferramenta de aprendizaxe e apertura ao mundo.